Ares e Mugardos presentan a Montefaro Enduro Race 2024

Comparte esta nota de prensa

A Copa de España de BTT organizarase o 18 e 19 de maio na contorna de Montefaro e volverá a ser unha cita de referencia na comarca para os amantes do enduro.

Ao acto de presentación asistiron autoridades do Concello aresán e mugardés, representantes de Pulpeiros de Mugardos e tamén do Club de Remo de Ares.

A casa consistorial aresá acolleu esta mañá a presentación da Montefaro Enduro Race 2024, o evento deportivo impulsado por Pulpeiros de Mugardos coa colaboración do Concello de Ares e o de Mugardos. Esta Copa de España, xa consolidada a nivel comarcal como un encontro para gozar do BTT, materializarase durante as xornadas do sábado, 18, e domingo, 19 de maio, e volverá a reafirmar a súa condición nacional con ciclistas de todo o país.

A cita arrancará en termos organizativos o mesmo sábado, 18 de maio, cunha reunión técnica e a entrega de dorsais de 16:00 a 20:30 h. Paralelamente, tamén se organizará un concerto do grupo ‘El Cruce’ ás 19:00 horas no Parque Rosalía de Castro, onde haberá oportunidade para degustar liscos a prezos populares grazas á colaboración do Club de Remo de Ares.

Con todo, o núcleo da proba ciclista realizarase o domingo dende as 8:30 h. da mañá ás 15:30 h. seguindo o itinerario de preto de 30 quilómetros pola contorna de Montefaro. Ás 16:00 h., pecharase toda a actividade coa entrega dos premios e así a Enduro Race 2024 salientará un ano máis a beleza paisaxística da zona, mais tamén permitirá coñecer a deportistas tanto galegos coma doutras partes de España.

Ao acto de presentación desta mañá asistiron Alma Barrón e Ana Varela, concelleiras de Deportes de Ares e Mugardos, respectivamente, e tamén os representantes das dúas entidades deportivas involucradas: Pulpeiros de Mugardos e Club de Remo de Ares.

Pódeche interesar

Notas de prensa

Galicia sabe a Mar en Ares

Veciñanza e visitantes puideron degustar ao longo da xornada de onte algúns dos sabores únicos que conforman o patrimonio gastronómico galego. A foodtrack da campaña