Estudantado do CPI As Mirandas coñece as posibilidades da vela adaptada

Comparte esta nota de prensa

Esta semana, a Concellaría de Deportes programou unha nova actividade que axuda a ver o deporte dende unha visión máis inclusiva, incorporando unha saída á ría guiados por Álvaro Illobre en embarcación adaptada para persoas con mobilidade reducida.

A iniciativa, organizada dentro do programa europeo Sporural, contou coa colaboración de ADM Ferrol e o Club Náutico Ría de Ares.

Amosar as opcións que existen hoxe en día para que todos e todas, dende as súas particularidades e limitacións, poidan facer deporte: esa é a máxima detrás da actividade que organizou o Concello o luns desta semana cos rapaces e rapazas de 4º da ESO do CPI As Mirandas.

Da man do aresán Álvaro Illobre, e coa colaboración do Club Náutico Ría de Ares e ADM Ferrol, achegáronse ao porto e entraron en contacto cunha embarcación de vela adaptada, coñecendo de primeira man como é realizar esta práctica deportiva dende a inclusión e programando unha saída ó mar. Toda a actividade, adiada no seu momento por mor da climatoloxía, ponse en relación cunha primeira sesión realizada en marzo e que tamén lles permitiu afondar na experiencia de moverse en cadeira de rodas.

Deste xeito, as dúas iniciativas deron ó estudantado unha visión máis aberta do deporte inclusivo, empatizando coas persoas que presentan limitacións na súa mobilidade, pero que poden gozar da práctica deportiva e da natureza de igual xeito.

A xornada de achegamento á vela adaptada produciuse no marco de Sporural Erasmus +, un proxecto europeo no que participa o Concello de Ares ao longo de 2024. Segundo a información aportada pola área de Deportes, tamén se contemplan máis programacións que camiñan na conexión coa natureza e a práctica deportiva, mais sempre incorporando unha perspectiva de inclusividade.

Pódeche interesar

Notas de prensa

Campións Galegos de BTT XCM!

Ares viviu este domingo unha gran xornada de ciclismo coa celebración do I XCM Club Pulpeiros, proba do Campionato de Galicia de BTT XCM 2026.