No marco da Academia AresXSalud, o psicólogo José Barcia Tucceli estará o vindeiro 13 de decembro, ás 19:00 horas, no salón de actos da Alianza Aresana.
A entrada é totalmente libre, sen requerir inscrición previa por parte da veciñanza.
A vila aresá acollerá a segunda charla dentro da Academia AresXSalud, o amplo programa educativo do Concello para aprender a incorporar hábitos saudables no día a día. Desta volta, organizarase a ponencia ‘Estilo de vida nas persoas afectadas polo cancro’ o vindeiro 13 de decembro ás 19:00 horas.
A sesión estará dirixida polo experto José Barcia Tucceli, psicólogo e licenciado en Ciencias da Actividade Física e Deportes, e da súa man realizarase unha panorámica dos compoñentes do estilo de vida dos homes e mulleres cunha afectación oncolóxica, amais de entender o impacto da fatiga crónica e as formas de xestionala.
Barcia Tucceli tamén afondará, entre outras cuestións, nas opcións de exercicio físico adaptado para a redución desta fatiga e a mellora do benestar das persoas que loitan contra o cancro.
A charla destínase tanto á poboación xeral como á veciñanza que padeza fatiga crónica ou estea afectada polo cancro. O acceso é libre, sen necesidade de reserva previa.