O Concello promove torneos e obradoiros de competencias dixitais para a mocidade

Comparte esta nota de prensa

Nos meses de xullo e agosto, a Casa da Xuventude acollerá competicións de tenis de mesa, futbolín, e-sports, xogos en rede e billar, mais tamén dúas programacións centradas en tecnoloxía dixital e bos hábitos na Internet totalmente de balde.

As inscricións para as dúas iniciativas poderán formalizarse dende mañá, martes, 18 de xuño, até esgotar as prazas, ben presenciamente na Casa da Xuventude, ben de maneira telemática en concellodeares.gal.

O Concello de Ares vén de desvelar hoxe as dúas grandes programacións de verán que se materializarán na Casa da Xuventude municipal co foco posto na mocidade. Organizaranse, por un lado, torneos competitivos tanto de xogos analóxicos como dixitais e, por outro, varios obradoiros lúdico-formativos en tecnoloxía, ambos ao longo dos meses de xullo e agosto en horario de mañá (de 10:00 a 14:00 horas).

No que atinxe aos torneos, dende o Concello poñen a disposición dos rapaces e rapazas  5 tipoloxías distintas, todas en formato de competición con eliminatorias, semifinais e finais. Haberá así torneos de tenis de mesa, futbolín, e-sports coma o FIFA, xogos en rede e billar e ao peche de cada competición entregaranse diplomas conmemorativos como agasallo. Todo para xuventude a partir dos 9 anos.

No relativo aos obradoiros de competencia dixital, estableceranse dous niveis con diferentes rangos de idades:

  • Un primeiro nivel, Competencias básicas dixitais, estará destinado a nenos/as de 9 a 10 anos (grupo I) e de 11 a 13 anos (grupo II), poñendo o foco no uso consciente da tecnoloxía, a prevención do ciberbullying ou no emprego da intelixencia artificial (IA), entre outros contidos.
  • Un segundo nivel, Competencias avanzadas dixitais, centrarase nos adolescentes de 14 a 17 anos (grupo III) e debullará contidos de procura de emprego na rede, creación de contido dixital e o impacto das redes sociais na saúde mental dos menores.

Cada obradoiro terá unha extensión de 3 semanas, de tal xeito que se habilitan varias roldas nas que os mozos e mozas poderán formarse en materia dixital, mais cunha metodoloxía lúdico-educativa, con xogos e dinamización das sesións para fomentar unha aprendizaxe baseada na diversión. Unha primeira quenda será do 1 ao 22 de xullo e a segunda, do 29 de xullo ao 19 de agosto, establecéndose 12 prazas para cada  grupo de idade.

Os torneos e os obradoiros abrirán as súas inscricións para as persoas interesadas mañá, martes, 18 de xuño, de xeito telemático a través da páxina web institucional (www.concellodeares.gal)  ou presencial na Casa da Xuventude de Ares, no seu horario de apertura cotián.

Actividades de verán que terán lugar na Casa da Xuventude: ACTIVIDADES CASA DA XUVENTUDE VERÁN 2024

Ligazón para acceder á inscrición nos obradoiros de competencia dixital: CRI-TIC – obradoiros de competencia dixital VeraneAres 2024 (google.com)

Pódeche interesar

Notas de prensa

Galicia sabe a Mar en Ares

Veciñanza e visitantes puideron degustar ao longo da xornada de onte algúns dos sabores únicos que conforman o patrimonio gastronómico galego. A foodtrack da campaña