“Móvete pola Igualdade”, unha marcha pedestre arredor de Ares para conmemorar o Día Internacional da Muller

Comparte esta nota de prensa

As Concellarías de Deportes e Benestar e Igualdade organizan un evento que aglutina celebración e práctica deportiva a prol da participación igualitaria da muller na sociedade.

A marcha levarase a cabo o 12 de marzo, mais abrirá hoxe mesmo o seu prazo de inscrición, estendéndose ata o 8 de marzo ás 13.00 horas. 

As Concellarías de Deportes e Benestar e Igualdade veñen de realizar un traballo conxunto de coordinación para materializar a iniciativa “Móvete pola Igualdade”, unha marcha pedestre polo núcleo urbano de Ares que xa se realizou en tempos prepandemia. O evento deportivo vén de recuperarse nesta anualidade, tendo en conta as condicións sociosanitarias actuais, e permitirá celebrar o Día Internacional da Muller do 8M.

Móvete pola Igualdade levarase a cabo o sábado, 12 de marzo, para facilitar a participación do maior número de persoas posibles. A Praza da Igrexa será o espazo que acollerá o inicio da marcha, cun quentamento grupal e dirixido ás 11.15 horas e a posterior lectura dun manifesto a prol da igualdade e a participación íntegra das mulleres na sociedade. Preto das 11.30, darase a saída do evento, cun percorrido circular pola vila de 3,5 quilómetros –comeza e termina na Praza da Igrexa– que se poderá realizar ben correndo, ben camiñando.

Noelia Montero, concelleira de Deportes da localidade, contextualizou as intencións detrás da iniciativa: “dende o Concello desexabamos organizar unha actividade que fose máis aló da lectura dun manifesto; un acto con máis dinamismo e contido para celebrar a igualdade desfrutando do benestar que implica o deporte”. Montero lembrou que está aberta a todo o mundo maior de 12 anos e expuso o “importante e necesario que é poder recuperar paulatinamente estas iniciativas previas á pandemia de covid”.

Prazo de inscrición xa aberto

O Concello abrirá hoxe mesmo, 15 de febreiro, o proceso de inscrición para esta marcha pedestre, que será totalmente de balde. Para inscribirse, a veciñanza interesada terá que acceder á páxina web https://concellodeares.com  e cubrir o formulario que atopará no apartado destinado a “Móvete pola Igualdade”.

A inscrición estará aberta ata o propio 8 de marzo ás 13.00 horas, o mesmo Día Internacional da Muller.

Pódeche interesar

Notas de prensa

Galicia sabe a Mar en Ares

Veciñanza e visitantes puideron degustar ao longo da xornada de onte algúns dos sabores únicos que conforman o patrimonio gastronómico galego. A foodtrack da campaña