Ares súmase á conmemoración do Día de Rosalía mesturando programacións dixitais e físicas

Comparte esta nota de prensa

Este mércores, 16, o Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade arranca unha campaña virtual de caracterizacións da poeta galega, invitando á veciñanza aresán a enviar as súas fotografías.

A Concellaría de Cultura tamén organizará dúas actividades máis nas xornadas do 23 e 24 de febreiro que serven como homenaxe a Rosalía.

A contorna de Ares prepárase ao longo desta e a seguinte semana para render homenaxe á figura de Rosalía de Castro, poeta central e universal dentro da identidade galega. Ata o de agora, a efeméride celebrábase o 24 de febreiro, día no que constaba o bautismo da autora de Follas Novas, mais a aparición de nova documentación permitiu certificar a data real de nacemento de Rosalía xusto no día anterior. Para conmemoralo, o Servizo de Normalización Lingüística compartido entre Ares, Cabanas, Mugardos, Neda e Valdoviño, e a área de Cultura local programan tres principais actividades.

A primeira, promovida dende o Servizo de Normalización en colaboración cos nomeados concellos que o integran, basearase nunha campaña dixital de caracterización. A iniciativa estenderase dende este mércores, 16, ata o 21 de febreiro e convidará a todas as persoas, adultos e nenos/as, a enviar fotografías coas súas caracterizacións de Rosalía de Castro, incluíndo, se se desexa, versos preferidos, citas de interese… da poeta.

O correo electrónico cultura@concellodeares.com estará habilitado para recibir as instantáneas, que despois poderán publicarse nas redes sociais do concello e na páxina web do Servizo de Normalización Lingüística, achegando unha visión conxunta de Rosalía entre toda a veciñanza dos entes municipais participantes.

Programacións culturais na localidade

A Concellaría de Cultura de Ares tamén organizará dúas actividades que se suman a esta campaña dixital xusto nas datas de maior relevancia para a celebración do Día de Rosalía. O 23 de febreiro ás 17.00 horas os máis pequenos e pequenas (5 a 10 anos) terán un obradoiro de manualidades, confeccionando máscaras tematizadas co rostro da poeta na biblioteca municipal da localidade.

De igual maneira, a Alianza Aresana será o espazo que acollerá o espectáculo do ilusionista Martin Camiña, “Lingua do País”, o xoves, 24, ás 18.00 horas. Trátase dun evento que forma parte da Rede Cultural da Deputación da Coruña e que está marcado pola presenza do humor, a maxia e as reflexións sobre a lingua propia.

Ambas programacións que completan a semana conmemorativa de Rosalía precisarán de inscrición previa no 981 448 057 ou na mesma biblioteca de Ares.

Pódeche interesar

Papá Noel en Ares
Notas de prensa

Papá Noel visita Ares

Esta semana véronse polas rúas de Ares a uns cantos visitantes moi singulares: Papá Noel chegou dende o círculo polar ártico cos seus axudantes e,