Finalizan as Obras dos Camiños Escolares Seguros en Ares

Comparte esta nota de prensa

A Concellería de Urbanismo de Ares anunciou a finalización das obras dos “Camiños Escolares Seguros” no noso municipio. Estes proxectos, culminaron recentemente e agora están listos para servir como un recurso valioso para a seguridade e a mobilidade da veciñanza, especialmente para os máis novos.

As obras leváronse a cabo en dous tramos clave do noso núcleo urbano. Inicialmente, interveuse no tramo que conecta o paseo marítimo coa rúa Real, e posteriormente acometeuse a senda que une a rúa Real co CPI As Mirandas.

Estes camiños seguros non só facilitarán o acceso dos estudantes ao colexio, senón que tamén promoverán a mobilidade a pé e en bicicleta, priorizando aos peóns e ciclistas sobre os vehículos privados.

Un dos aspectos máis destacados destas obras é a creación dunha “plataforma única” que elimina as diferenzas entre calzadas e beirarrúas, creando un espazo completamente accesible e libre de barreiras para os peóns. Ademais, esta plataforma única distínguese pola súa gama cromática, empregando tons terrizos que crean una “linguaxe urbanística” distintiva e comunican claramente a prioridade dos peóns nestas áreas.

Ademais da plataforma única, utilizouse pintura ecolóxica nos pasos de peóns e sinalizacións verticais que indican o itinerario cara ao CPI As Mirandas, facendo que o camiño sexa seguro e atractivo para os estudantes e as súas familias.

Estas melloras non só beneficiarán á comunidade local ao proporcionar unha contorna máis segura para camiñar e andar en bicicleta, senón que tamén se aliñan cos obxectivos da Rede Española de Cidades Saudables (RECS).

Precisamente o investimento para estes proxectos, que foi de aproximadamente 50.000 euros cada tramo, levouse a cabo con fondos provenientes tanto do municipio como da dita Rede Española de Cidades Saudables (RECS), da que Ares forma parte.

Pódeche interesar