As alfombras florais regresan a Ares tras dous anos de parón polo covid-19

Comparte esta nota de prensa

O venres pasado representantes municipais e membros da asociación promotora presentaron a nova edición desta festa, declarada de Interese Turístico de Galicia, que se celebrará nas xornadas do 18 e 19 de xuño.

Xunto ás alfombras, o Concello promoverá un concurso de decoración floral por todo o municipio.

O alcalde de Ares, Julio Iglesias; as concelleiras de Cultura e Turismo, Alma Barrón e Lucía Blanco; a presidenta da asociación de Alfombras Florais da localidade, Teresa Muíños, e colaboradoras desta entidade promotora presentaron a semana pasada unha nova edición do alfombrado da vila, un dos eventos máis agardados e que consolidan ao municipio como unha das referencias do norte galego na celebración do Corpus Christi.

A presentación formalizou a volta das alfombras florais nas xornadas do 18 e 19 de xuño tras dous anos de paralización polo impacto e as esixencias sanitarias da pandemia. A festa, declarada dende 2011 de Interese Turístico de Galicia, volverá a encher o espazo público de espadana, flor e arte efémero, mais tamén exemplificará o compromiso colectivo da veciñanza cunha celebración de máis de 40 anos de tradición.

Con todo, a edición deste ano chegará nun formato máis reducido do habitual, segundo o propio comunicado que emitiu a Asociación de Alfombras Florais aresán, en gran parte pola “ausencia de persoas dabondo para executar o enorme traballo que supón” a celebración do evento, moitas delas afectadas física ou psicoloxicamente polas consecuencias derivadas da pandemia. Fronte a este decrecemento no número de persoas involucradas, a Asociación uniu forzas e realizará unha única alfombra entre os 6 tramos que a compoñen, cubrindo cun tapiz floral toda a superficie dende a Alianza Aresana ata o paseo marítimo.

“O amor polas nosas tradicións, polo noso Corpus; o amor pola nosa vila, por este Ares que sabe tanto de unión e solidariedade, fai que queiramos continuar aínda que teñamos que facelo nunha edición reducida”, expuxo a Asociación, que prevé poder recuperar un formato habitual no 2023, xa con máis folgos e máis mans colaboradoras.

Sexa como for, a partir da próxima semana comezarán a habilitarse espazos de picado e preparación de materiais, e a Asociación invita a todas as persoas que o desexen a colaborar nestas tarefas: a incorporación de máis xente permitirá ampliar tramos de alfombrado. É especial o interese que se ten por achegar a celebración á mocidade como unha forma de garantir a continuación desta iniciativa que converte Ares nunha visita obrigada o domingo de Corpus.

CONCURSO DE DECORACIÓN FORAL

O Concello tamén sumará unha actividade como complemento da festa: organizará o concurso de decoración de negocios, balcóns e fachadas de vivendas con flores e elementos tradicionais do Corpus, co obxectivo de que toda a localidade participe e ofreza unha imaxe floral ós visitantes e protagonistas das alfombras de Ares.

O concurso estenderase dende o 18 de xuño ata as 22:00 horas do 19, e premiará as 3 mellores decoracións tanto de negocios como de particulares con vales de compra no comercio local por valor de 100 euros cada un.

Para participar no concurso, será necesario enviar a fotografía da decoración –sempre visible desde o exterior– xunto coa ubicación e datos persoais ao 690 021 106 vía WhatsApp ou ao correo electrónico cultura@concellodeares.com

Pódeche interesar

Notas de prensa

Galicia sabe a Mar en Ares

Veciñanza e visitantes puideron degustar ao longo da xornada de onte algúns dos sabores únicos que conforman o patrimonio gastronómico galego. A foodtrack da campaña