Ares acolle de novo a exposición sobre os oficios do mar e a actividade litoral

Comparte esta nota de prensa

Esta mostra do proxecto colaborativo «Ares e Valdoviño no mar» estará dispoñible diante da casa consistorial ata o próximo luns, 29 de agosto.

O pasado mes de xuño, durante a celebración de San Xoán, veciñanza e visitantes puideron achegarse a unha exposición itinerante que debullaba a relación pasada e presente de Ares co mar, afondando na súa arquitectura mariñeira, na evolución da actividade pesqueira ou a importancia histórica do remo. Dende hoxe, e ata o luns, 29 de agosto, a mostra de paneis didácticos regresa ó municipio para toda persoa interesada en coñecer unha perspectiva distinta da localidade.

O foco da exposición sitúase principalmente naquelas persoas que, dunha forma ou outra, adican a súa vida ao mar. Os oficios e os símbolos litorais póñense en primeira liña de atención para divulgar a identidade local do concello. Ademais, a mostra itinerante, que mesmo homenaxea a actividade do Club de Remo de Ares (o máis lonxevo de Galicia), coincide coa celebración da regata da Liga Eusko Label de traiñeiras na vila.

O proxecto de traballo conxunto no que se encadra a exposición, «Ares e Valdoviño no Mar», non só inclúe esta iniciativa, senón que tamén promoveu ao longo desta anualidade numerosas actividades co mesmo obxectivo: poñer en valor a actividade mariñeira e os espazos do litoral de ambos municipios.

Nos pasados meses, leváronse a cabo obradoiros de sensibilización dirixidos a escolares, organizáronse xornadas de iniciación ao remo co alumnado do CPI As Mirandas e realizáronse rutas polo litoral para todos os públicos. A importancia da sostibilidade, da práctica do deporte no mar, o mantemento dos sistemas de extracción artesanais e o coidado da biodiversidade do medio mariño foron os eixos de todo este conxunto de actividades.

O proxecto de cooperación destas iniciativas, «Valorización da actividade mariñeira a través dos espazos litorais e das prácticas deportivas acuáticas nos municipios de Ares e Valdoviño. Ares e Valdoviño no mar», foi impulsado polos concellos de Ares e Valdoviño e conta co apoio económico do GALP A Mariña-Ortegal e do GALP Golfo Ártabro Norte, así como do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

 

Pódeche interesar

Notas de prensa

Galicia sabe a Mar en Ares

Veciñanza e visitantes puideron degustar ao longo da xornada de onte algúns dos sabores únicos que conforman o patrimonio gastronómico galego. A foodtrack da campaña