Ares abre mañá o prazo de inscrición para a oitava ruta do SendAres 2023-2024

Comparte esta nota de prensa

A iniciativa municipal organizará unha saída ata Mondoñedo de 17 quilómetros, explorando o val do Río Valiñadares dende o centro da vila. Será durante a xornada do domingo, 21 de abril.

Desta volta, a Concellaría de Deportes presenta novidades: haberá un primeiro prazo de inscrición para os empadroados/as en Ares, dende mañá, 2 de abril ás 18:00 horas até o xoves, 4 de abril, na mesma franxa horaria e, posteriormente, unha segunda quenda para os non empadroados/as.

A Concellaría de Deportes vén de anunciar a posta en marcha do proceso administrativo da próxima ruta do SendAres, o programa de sendeirismo da institución aresá. Así, mañá, martes 2 de abril, abrirase a inscrición telemática do oitavo percorrido ao longo da tarde (18:00 horas) e a través da páxina web institucional (www.concellodeares.gal) para os empadroados/as en Ares.

Nesta ruta guiada, os sendeiristas partirán da histórica localidade de Mondoñedo, lugar de nacemento de grandes escritores coma Cunqueiro, para adentrarse no val do Río Valiñadares, e abríndose á posibilidade de coñecer a Cova do Rei Cintolo, unha das xoias xeolóxicas de Galicia polo seu tamaño (7.000 metros de galerías nunha estrutura laberíntica) e o forte protagonismo da auga na súa morfoloxía.

Todo o itinerario desenvolverase durante a xornada do domingo, 21 de abril, cunha distancia de 17 quilómetros e unha dificultade ALTA. O prezo ascende a 20 euros e inclúe servizo de guía, seguros e transporte de ida e volta dende Ares. O autobús sairá ás 07:30 horas e chegará ao núcleo da vila ás 18:00 h., aproximadamente, dende o punto de encontro habitual: a Praza da Igrexa do municipio.

NOVIDADES NO PROCESO DE INSCRICIÓN

A Concellaría de Deportes asignou 25 prazas para a actividade, que se cubrirán por orde de inscrición, mais con novidades: haberá dúas quendas. Primeiramente, dende mañá até o 4 de abril, poderán inscribirse os empadroados/as en Ares, contemplando un prazo de 48 h., finalizando ás 18:00 h. Despois, dende esa data en adiante, terán oportunidade as persoas non empadroadas na contorna municipal.

Pódeche interesar

Notas de prensa

Campións Galegos de BTT XCM!

Ares viviu este domingo unha gran xornada de ciclismo coa celebración do I XCM Club Pulpeiros, proba do Campionato de Galicia de BTT XCM 2026.