Antonio Seijas presenta o seu último poemario, Os oito mitos de Palermo, na súa vila natal

Comparte esta nota de prensa

O salón de actos da Alianza Aresana acollerá a presentación literaria o próximo venres, 19 de xullo, ás 20:00 horas, coa presenza de Seijas, Andrea Maceiras, escritora, e Alma Barrón, concelleira de Cultura.

Amais da conversa arredor do poemario, haberá unha actuación musical a cargo da violoncellista Emma Urango.

O artista, ilustrador, debuxante e escritor aresán Antonio Seijas continúa na senda literaria cunha nova obra en galego, despois do éxito acadado con ‘Teorías do Fin’, XXXVII Premio de Poesía Cidade de Ourense. Desta volta, Seijas presentará en Ares o poemario ‘Os oito mitos de Palermo’, publicado en Aira Editorial este mesmo mes.

Así, o acto literario realizarase o próximo venres, 19 de xullo, no salón de actos da Alianza Aresana ás 20:00 horas, actuando como a primeira presentación oficial. Antonio Seijas conversará coa escritora Andrea Maceiras e a concelleira de Cultura, Alma Barrón, sobre unha obra escrita coa ollada posta na paisaxe local, coa natureza de Lubre e os seus paporroibos, e caracterizada por unha enorme potencia visual e un ritmo vertixinoso na construción dos poemas. Ademais, o evento contará con música en directo da man da violoncellista Emma Urango.

‘Os oito mitos de Palermo’ afonda de maneira moi persoal no impacto do subconsciente e o onírico nas experiencias que vivimos, a forma en que os soños fascinan ao ser humano, mais tamén debulla todo o que evocan dentro de nós os nomes das cidades míticas.

Un poemario que consolida a Seijas como autor literario e que expón a súa versatilidade, con multitude de linguaxes artísticos coexistindo dentro dun universo creativo edificado ao longo dos anos con enorme organicidade.

Pódeche interesar

Notas de prensa

Galicia sabe a Mar en Ares

Veciñanza e visitantes puideron degustar ao longo da xornada de onte algúns dos sabores únicos que conforman o patrimonio gastronómico galego. A foodtrack da campaña