A Policía Local e Protección Civil de Ares reforzan o seu coñecemento no emprego de desfibriladores

Comparte esta nota de prensa

Os integrantes de ambos corpos, xunto co Técnico de Deportes do Concello, a Policía Local de Mugardos e un membro da Sociedade Deportiva Numancia, asistiron a un curso formativo no que se afondou tamén na Reanimación Cardiopulmonar (RCP).

Complementariamente, adquiríronse novos desfibriladores para edificios e espazos de titularidade municipal.

A Xefatura da Policía Local de Ares promoveu un curso formativo centrado no emprego e manexo de desfibriladores semiautomáticos, unha ferramenta clave para poder actuar adecuadamente ante un imprevisto ou emerxencia. Á formación asistiron membros da Policía Local e Protección Civil do municipio, mais tamén representantes do corpo de Mugardos, da Sociedade Deportiva Numancia e o técnico de Deportes do Concello, todos implicados dalgunha forma na coordinación de actividades ou eventos con concentración de persoas.

No curso, os asistentes abordaron a importancia da desfibrilación precoz, recibiron nocións en anatomía e electrofisoloxía básica do corazón e reforzaron o coñecemento na Reanimación Cardiopulmonar (RCP). Porén, a sesión non foi só teórica, senón que se baseou na participación activa e a realización de supostos prácticos para fixar os conceptos ensinados.

Complementando a oferta formativa, o Concello vén de adquirir 4 desfribiladores para aumentar o equipamento de emerxencia. Tres deles emprazaranse na casa consistorial, no campo municipal de Prados Vellos e na caseta de socorrismo, namentres que o cuarto se portará constantemente pola Policía Local de Ares.

Neste senso, a Xefatura de Policía da localidade resalta que, no momento en que estean activos, se producirá “unha mellora considerable da nosa capacidade de resposta, máis tendo en conta que somos os primeiros intervenientes antes da chegada dos servizos médicos”.

Pódeche interesar

Notas de prensa

Galicia sabe a Mar en Ares

Veciñanza e visitantes puideron degustar ao longo da xornada de onte algúns dos sabores únicos que conforman o patrimonio gastronómico galego. A foodtrack da campaña