Xunto a estes fondos procedentes de subvencións, o Concello investirá preto de 70.000 euros para materializar 8 intervencións con diferentes obxectivos: dende melloras no Parque Rosalía de Castro á rehabilitación do lavadoiro de Fonte da Tella e adaptación de camiños.
Entre a administración aresán e as entidades públicas que subvencionan as obras, a vila contará cun investimento conxunto polos 8 proxectos de 344.562, 44 euros.
A Concellaría de Urbanismo vén de anunciar hoxe mesmo unha relación co conxunto de subvencións concedidas para a vila de Ares nestas últimas semanas, fortes investimentos de diferentes administracións coma mostra do esforzo continuo que se realiza para procurar melloras de calado dentro da localidade.
Así, o Concello recibirá un total de 276.525,37 euros doutras institucións públicas, que se sumarán a 68.037,07 euros procedentes das arcas municipais para poder executar sobre o territorio 8 proxectos urbanísticos con impacto en camiños, no Parque Rosalía de Castro, no desenvolvemento turístico de Ares e en infraestruturas vencelladas coa memoria do municipio.
De cara a contextualizalas, a concelleira de Urbanismo, Olimpia Marcos, detallou o que implican estas intervencións para a localidade aresá e os seus importes totais, contabilizando o investimento de Concello e das administracións involucradas.
DÚAS ACTUACIÓNS PARA O PARQUE ROSALÍA DE CASTRO
No tocante ao que se materializará no Parque Rosalía de Castro, o principal pulmón verde do núcleo urbano de Ares, Olimpia Marcos explicou “que haberá un proxecto de mellora da accesibilidade centrado na zona do pinar, traballando sobre os sendeiros de acceso e os percorridos dentro da área verde, que conlevará un investimento de 58.574, 91 euros, en consonancia con outros 49.691,51 euros nunha segunda obra centrada no Parque Infantil”.
Neste sentido, a edila de Urbanismo expón que “dende o Concello sabemos que a área infantil está deteriorada polo seu uso constante, e por iso melloraremos paulatinamente os seus accesos, o pavimento arredor dos xogos e a propia infraestrutura de xogos infantís”.
MELLORAS NOS CAMIÑOS E NA CALIDADE DA PRÁCTICA TURÍSTICA
Centrándose especificamente no tratamento de camiños municipais, producirase unha mellora do pavimento na vía que une Barracido e San Xoán de Piñeiro cun investimento total de 44.404, 22 euros, mais tamén na senda litoral de A Bailadora-Montefaro, na liña do realizado no Camiño de Salgueiras, traballando no firme e implementando mobiliario urbano: bancos novos, papeleiras… supoñendo unha mobilización de fondos de 79.958,34 euros nesta segunda intervención en camiños.
E dentro das subvencións concedidas tamén se contemplan algunhas intimamente vencelladas co eido turístico en Ares co foco na modernización das rutas de sendeirismo activas na vila a través dun proxecto de dixitalización onde se incluirán códigos QR con contidos, baixo un importe total de 18.059 euros. A isto sumarase unha segunda intervención na iluminación ornamental do Mosteiro de Santa Catalina (36.884, 52 euros).
A MEMORIA DE ARES, TAMÉN DIGNIFICADA DENDE O URBANISMO
Dous serán os proxectos que se relacionarán directamente con edificios que afondan na memoria da localidade, dignificada dende o eido cultural, mais tamén urbanístico. Incorporarase un novo peche perimetral de forxa nas Escolas do Lago, substituíndo ao actual en madeira e poñéndose en consonancia coa estética da edificación por un investimento de 31.855,69 euros.
Xunto a isto, haberá unha recuperación dun novo lavadoiro en Ares, o Lavadoiro da Fonte da Tella (25.033,09 euros), da mesma maneira que xa se fixo con outros da contorna municipal e baixo o mesmo motivo: considéranse elementos cun claro interese etnográfico, lugar de encontro para a comunidade ao longo das décadas e xa constituídos como espazos que forman parte da memoria colectiva aresá.
Como peche á sua panorámica, a concelleira de Urbanismo Olimpia Marcos enfatizou “o impulso continuo que realizamos dende o Concello para mellorar a vida diaria dos veciños, neste caso coa obtención de financiamento doutras administracións. Con todo, a maiores deste conxunto de obras, tamén estamos executando xa intervencións na rúa Caramanchón, Mártires e San Xoán; o tramo final da Rúa dos Anxos ou o arreglo do camiño Rega da Fraga, que avanzarán ao longo deste verán”.
Dentro dos 8 proxectos explicitados nesta información, interveñen 4 administracións públicas aparte do propio Concello de Ares, nomeadamente: o Instituto de Estudos do Territorio de Galicia, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a Axencia de Turismo de Galicia e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER).