A Praza da Constitución acollerá o próximo luns, 1 de xullo, ás 20:00 horas un espectáculo que aglutina música e libros: a artista María Faltri achegarase á vila para facer realidade a súa Bibliodiscoteca, a modo de pinchadiscos con música infantil.
Con ampla experiencia no mundo da animación cultural, María Faltri achegará aos nenos e nenas unha selección das mellores composicións infantís galegas, facendo que o baile e o xogo estean sempre presentes no seu espectáculo. E non deixarán de agromar libros da súa biblioteca ambulante, dándolle máis orixinalidade e sorpresa á actuación. Fará que a literatura camiñe da man da música e a diversión.
O evento, organizado pola Concellaría de Cultura de Ares, conta co apoio da Xunta de Galicia e inscríbese no programa de dinamización lingüística FalaRedes.