O Concello vén de colocar unha pantalla dixital interactiva preto do Parque Rosalía para proporcionar información turística e relevante a visitantes e residentes.

Comparte esta nota de prensa

Grazas a unha subvención de 13,499.50 euros outorgada por Turismo da Xunta a través dos Fondos Europeos Next Generation, cubrirase case todo o custo de instalación, que ascende a preto de 15,000 euros.

A pantalla, con tecnoloxía LED dixital de 2×2 metros, mostrará información variada a través de vídeos e imaxes, permitindo un control interactivo desde unha pantalla táctil externa. Montada sobre un poste de aceiro inoxidable de 2.8 metros, a pantalla ofrecerá detalles sobre lugares de interese, edificios históricos, roteiros turísticos, praias e servizos dispoñibles en Ares. Ademais da información turística, a pantalla proporcionará datos útiles para os residentes, como a axenda de eventos, prognósticos meteorolóxicos e números de contacto importantes.

A concelleira de Turismo, Lucía Blanco, destaca a instalación da pantalla como un recurso turístico avanzado que enriquecerá a experiencia de quen visita Ares, sinalando que “non só mellorará a experiencia de turistas e residentes, senón que tamén contribúe a un turismo máis sostible ao reducir o uso de papel e os tempos de espera para obter información”.

Ademais, destácase que este esforzo por parte do Concello non se limita á pantalla interactiva. A implementación de códigos QR en varios puntos do municipio por parte da área de Cultura para brindar información sobre o patrimonio local e a iniciativa de dixitalización das rutas de sendeirismo municipais impulsada pola área de Deportes son outras accións destacadas neste contexto.

Tras a instalación da pantalla e as probas pertinentes, nos próximos días comezará a estar operativa mostrando os seus contidos.

Pódeche interesar