A veciñanza de Ares colleuse das mans durante a mañá de onte para construír, eslabón a eslabón, unha cadea humana que conmemorase o Día Internacional da Loita contra o Cancro de Mama.
Así responderon os veciños e veciñas á iniciativa organizada pola Xunta Local da Asociación Española contra o Cancro (AECC) en Ares, coa colaboración do Concello, expresando o seu apoio ás persoas afectadas por esta tipoloxía de doenza oncolóxica, mais tamén ás familias que viven o proceso ao seu carón.
A cor rosa instalouse no paseo marítimo da vila e volveuse a reivindicar a importancia de mellorar os procesos de investigación, prevención e diagnóstico temperán coa lectura dun manifesto na entrada da casa consistorial.
Ares, un ano máis, unido contra o cancro de mama!