RUTAS MARÍTIMAS

Levámoste a percorrer a preciosa ría de Ares, situada no Golfo Ártabro conformado pola ría de Betanzos, Ferrol e A Coruña. Nela poderás descubrir non só as lendas que asolagan esta vila, senón tamén observar a beleza dos seus cantís e calas.

O barco ‘O Presas’ conserva a súa forma orixinal e está construído de madeira, polo que no momento que decidades subirvos, sentirédesvos durante unha hora e media como un mariñeiro máis. Dadas as características do barco, viaxará un grupo reducido de persoas (máximo 15) polo que poderedes estar cómodos e gozar con amigos, familia, parella ou sós.

Antes de embarcar no porto de Ares, poderedes observar a riqueza pesqueira da zona e ao voso arredor teredes numerosos barcos e nasas de pesca. Dependendo da hora á que se faga a visita, poderedes ver atracar os barcos no porto, secar as redes ou mesmo observar como descargan a captura do día.

O embarque realizarase no porto, desde onde pode observarse o paseo marítimo ao completo; para a vosa tranquilidade, irá convosco un mariñeiro e o patrón do barco, aos que continuamente veredes levando a cabo os seus labores.

O primeiro punto importante que recoñeceredes desde o mar será a coñecida Illa das Mirandas, pero tede coidado, quizais se repita a lenda e vexades a algunha serea como a que se mergullaba nas augas desta zona na Idade Media. Durante a vosa viaxe, tamén podedes divertirvos coa visita dos golfiños ou gozar das panorámicas da ría.

DATOS DE INTERÉS:

Adultos: 15 €

Menores de idade: 8 €

Teléfonos de contacto e reserva:
609 224 223 (Barco)
981 468 259 (Oficina de Turismo)

As rutas realizaranse todos os fins de semana en horario de mañá e tarde. Entre semana, será preciso reservar con 3 días de antelación.