Rutas de Sendeirismo

Praza
da igrexa

Neste momento atópase nun dos lugares máis emblemáticos da vila. Nas súas proximidades pode observar unha estatua en honra a  Hermelinda que era unha veciña que, polos anos 50, comezou a traballar como repartidora de La Voz de Galicia e dedicou ao redor de 20 anos a este oficio. A súa localización nesta praza débese a que acababa a súa xornada vendendo algúns destes exemplares na porta da Igrexa de San Xosé de Ares.

A edificación desta igrexa remóntase aos anos 1721, polo que agora mesmo está a observar unha construción do século  XVIII, remodelada no século  XX por Julio Galán Carvajal.

Esta edificación relixiosa consta de planta rectangular con tres naves e un presbiterio, pero se algo chama a atención é a súa torre campanario. Esta torre que se observa dende toda a Praza da Igrexa é moi sinxela, pero conta cun reloxo de sol de mármore de gran atractivo e que conta con gran aprecio dos habitantes, xa que é un obsequio de Alberto  Cintio. O señor  Cintio é un sacerdote e profesor de matemáticas italiano que trabou gran amizade con Antonio García, o párroco de Ares e tras a súa visita quedou  prendado da vila polo que prometeu que enviaría un agasallo desde Santa María de  Altidona, no  Adriático.

Pode observar tamén outro edificio de gran beleza e incalculable valor sentimental: A Alianza Aresá. Son moitas as pegadas que algúns antepasados, emigrados a Cuba, deixaron neste pobo. Moitos aresáns deixaron as súas terras e fóronse dun país que só ofrecía fame e pobreza, pero nin estando tan lonxe do seu lugar natal esquecían aos seus paisanos. De tal maneira que en 1904 crean na Habana a “Alianza Aresá de Instrución” e comezan a darlle importancia á instrución e fomentan a  construción de escolas e bibliotecas como o que pode observar nesta praza e que edificaron afirmando que “terá por obxecto exclusivo (…) o fomentar e propagar o ensino gratuíto entre as clases pobres e menos acomodadas da vila de Ares”. En honra a eles celébrase a festa Indiana, porque todo é pouco para a quen tanto debemos.