Os Concellos de Ares e Mugardos celebran o 7 de Xuño a tradicional Romaría do Voto de Chanteiro

Comparte esta nota de prensa

A romaría, que non se celebraba desde 2019, desenvolverase ao longo de toda a xornada e, ademais da misa, haberá reparto de empanada e bebidas así como a actuación do Grupo de gaitas Aresán

Como en anos anteriores, fletaranse autobuses para recoller aos veciños que o desexen e que percorrerán os dous municipios en horario de mañá e de tarde

Os Concellos de Ares e Mugardos organizan os actos de celebración da tradicional romaría do Voto de Chanteiro, que se desenvolverá o martes 7 de xuño, despois de non celebrarse desde 2019 pola situación da pandemia.

Nesta ocasión, como en edicións anteriores, fletaranse autobuses que percorrerán os dous municipios para recoller e deixar aos veciños e veciñas que o desexen.

Segundo consta no programa presentado polas concellarías de Cultura dos dous municipios, os buses sairán ás 10.30 horas, realizando, no caso de Ares, o percorrido polo Pedregal, Pezoas, Seselle, Porta do Sol, Lubre, Cervás e Chanteiro, e no de Mugardos, por San Xoán de Piñeiro, O Seixo, Franza, A Pedreira e Mugardos. Estes buses realizarán o percorrido de volta ás 14.00 horas e outra vez ás 19.00.

Nesta xornada, levaranse a cabo as habituais actividades, como a actuación do Grupo de gaitas aresán para amenizar a romaría, coincidindo co reparto de empanadas e bebidas aos asistentes, despois da celebración da misa ás 12.00 horas.

Desde as concellarías de Cultura de Ares e Mugardos, as súas responsables, Alma Barrón e Begoña Roldós, destacaron a importancia de retomar unha das tradicións con maior arraigo para aresáns e mugardeses, “esperando ver a ermida da Nosa Señora da Mercé chea de romeiros e romeiras desfrutando e vivindo intensamente esta celebración”.

A romaría do Voto de Chanteiro congrega cada ano a centos de persoas en torno á Ermida da Mercé, a maior parte procedentes de Ares e Mugardos e tamén chegadas de diferentes puntos da comarca. A tradición remóntase ao século XV cando unha peste asolagou Ferrol e bisbarra e, segundo a crenza, o episodio rematou grazas á intervención da virxe. Desde entón celébrase cada ano a ofrenda, que da paso a outra parte máis festiva e lúdica da xornada.

Pódeche interesar