O VeraneAres Deportivo 2024 pon en marcha o seu proceso de inscricións

Comparte esta nota de prensa

A Concellaría de Deportes vén de presentar a planificación das súas actividades para verán con catro grandes programas xa consolidados: os campamentos deportivos urbáns, os xogos nas parroquias, o Xuventude Verán Activo e o Móvete VeraneAres.

As inscricións para empadroados abrirán o luns, 10 de xuño, até o domingo, 16 de xuño, incluído. Do 17 en adiante, será a quenda dos non-empadroados en Ares.

A conciliación laboral e familiar e a dinamización das parroquias, os eixos nos que se fundamenta o VeraneAres Deportivo, que tamén incluirá sesións de zumba e baile latino totalmente de balde.

A área de Deportes municipal vén de anunciar a planificación que despregará na vila de Ares neste período estival, unha estratexia de traballo denominada como VeraneAres Deportivo 2024. Diversión e conciliación das familias volverán a ser os alicerces das propostas do Concello, que se fundamentan en catro grandes ofertas de actividades, organizando os campamentos deportivos urbáns, os xogos nas parroquias, o Xuventude Verán Activo e Móvete VeraneAres, que inclúe sesións de baile latino e zumba e contará cun proceso de reserva de prazas propio.

Para as tres primeiras programacións, a Concellaría de Deportes abrirá un proceso de inscrición previa integramente telemático a través da páxina web municipal www.concellodeares.gal. Haberá dous prazos de reserva, comezando o luns da próxima semana:

  • Do 10 ao 16 de xuño, poderán facelo os empadroados/as en Ares.
  • Do 17 de xuño en adiante, os non-empadroados/as en Ares.

Dependendo das actividades e o tempo que se escolla (quincena ou mensual), variará o prezo consignado. Con todo, a oferta deportiva municipal desenvolverase en tres quendas: do 1 ao 15 de xullo (1ª quenda), do 16 ao 31 de xullo (2ª quenda) e do 1 ao 14 de agosto (3ª quenda).

A toda esta programación lúdico-deportiva haberá que engadir os restantes eventos específicos que recalarán no municipio, xa anunciados ou en camiño de materializarse: os Campus de Fútbol do Celta de Vigo e Campus de Baloncesto Chiquibasquet ou a Milla Urbana e Travesía a Nado.

Deporte e conciliación familiar camiñan da man en Ares

Dos catro grandes programas de actividades, dous deles estarán moi fundamentados na conciliación das familias ao compaxinar o traballo diario co coidado das crianzas. Promoverase así o Campamento Deportivo Urbán para os nenos e nenas de 6 a 12 anos, despregando un programa que aglutine diversión e práctica deportiva en horario de mañás, de 10:00 a 13:00 horas. Convivencia, respecto e coñecemento da contorna natural serán eixos esenciais neste campamento, que se desenvolverá en moitas ocasións en espazos exteriores de Ares, dende parques e xardíns á praia do casco urbano.

A maiores, tamén se organizarán os xogos nas parroquias nos núcleos sociais de Cervás, Caamouco e Chanteiro, dinamizando o tecido social e procurando a interxeracionalidade. Manterán horario de 11:00 a 13:00 horas e haberá novidades na contorna de Caamouco, ao ampliar o rango de quendas a agosto tamén.

Xuventude Verán Activo: do kaiak ao grappling e jiu-jitsu

Oito actividades compoñen o programa destinado á rapazada de 12 a 16 anos e que conforma o Xuventude Verán Activo, a planificación que permite achegarse á contorna náutica, á natureza ou a deportes de contacto.

Deste xeito, de luns a venres, na franxa de 11:00 a 13:00 horas, haberá a posibilidade de practicar kaiak e padelsurf (neste caso sempre no Club Marítimo de Redes), amais de jiu-jitsu, grappling, voleipraia, pádel, tenis de mesa e danzas urbanas; unha oferta variada para que a mocidade poida atopar un deporte no que sentirse a gusto.

Os espazos varían en función da actividade a desenvolver, mais serán comunicados previamente. Todas elas contarán con 12 prazas por quincena.

Zumba e baile latino ao aire libre

Por último, o cuarto programa deste VeraneAres Deportivo recibe o nome de Móvete VeraneAres e estrutúrase a partir de sesións totalmente de balde de zumba e baile latino, con moi boa acollida nos últimos períodos estivais.

Hibridando música, deporte, diversión e ocio ao aire libre, a cidadanía poderá sumarse a esta iniciativa que se producirá durante todo o mes de xullo e a primeira quincena de agosto na Praza da Constitución de Ares, de 20:30 a 21:30 horas. Os martes serán sempre sesións de baile latino, namentres que todos os xoves será a quenda das clases de zumba.

Con todo, dende a Concellaría de Deportes resaltan que neste caso existe un proceso de inscrición distinto ás anteriores programacións, pois serán reservas por xornada ata as 11:00 horas do día anterior á actividade, ben no 981 448 057, ben inscribíndose en persoa na Alianza Aresana.

A ligazón para inscribirse no XUVENTUDE VERÁN ACTIVO VERANEARES DEPORTIVO 2024 é a seguinte: XUVENTUDE VERÁN ACTIVO VERANEARES DEPORTIVO 2024 (google.com)

A ligazón para inscribirse no CAMPAMENTO DEPORTIVO URBANO VERANEARES DEPORTIVO 2024 é a seguinte: CAMPAMENTO DEPORTIVO URBANO VERANEARES DEPORTIVO 2024 (google.com)

A ligazón para inscribirse no XOGOS NAS PARROQUIAS VERANEARES DEPORTIVO 2024 é a seguinte: XOGOS NAS PARROQUIAS VERANEARES DEPORTIVO 2024 (google.com)

Pódeche interesar

Notas de prensa

Galicia sabe a Mar en Ares

Veciñanza e visitantes puideron degustar ao longo da xornada de onte algúns dos sabores únicos que conforman o patrimonio gastronómico galego. A foodtrack da campaña