O SendAres completa a súa primeira ruta polas Fragas do Eume

Comparte esta nota de prensa

Os e as sendeiristas que se animaron a participar no primeiro itinerario deste programa municipal da Concellaría de Deportes gozaron durante o día de onte da paisaxe galega! Os regatos, os cambios dunha vexetación cada vez máis outonal e mesmo o río Eume, coas súas augas ben verdes, foron protagonistas do percorrido de 14,5 quilómetros, a circular Soaserra-Caaveiro-Soaserra.

Cunha dificultade alta, os participantes do SendAres 24-25 arrancaron a súa ruta guiada na Igrexa de Santa Olaia de Soaserra, en Cabañas, descendendo até o Camiño dos Encomendeiros e subindo despois pola antiga vía de acceso ao Mosteiro de Caaveiro, unha atalaia singular dende onde contemplar a beleza das Fragas do Eume. E despois dun tentempié, tocou encarar o regreso!

Como acontece sempre nos percorridos do SendAres, a natureza galega convértese nunha parte fundamental da experiencia; unha natureza que acolle a quen desexe gañar en benestar, baixar o ritmo e reducir o estrés a través do deporte.

 

Pódeche interesar