O proxecto para a acollida de nenos e nenas saharauís, “Vacacións en Paz”, regresa a Ares

Comparte esta nota de prensa

O Concello e a organización Solidariedade Galega co Pobo Saharauí asinan un convenio de colaboración para promover este programa de traslado de menores dende Tindouf (Alxeria), evitando así os meses de verán con maior impacto para a saúde. 

O establecemento da nova normalidade, tendo en conta as actuais circunstancias sanitarias a nivel nacional e autonómico, permite recuperar paulatinamente actividades con fonda tradición na contorna de Ares. Unha delas, o “Programa Vacacións en Paz 2022”, recalará de novo no municipio tras a sinatura dun convenio entre o Concello e a organización sen ánimo de lucro Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS).

O convenio formaliza así unha iniciativa levada a cabo durante máis de quince anos ata a chegada da pandemia e que facilitaba a acollida e integración de nenas e nenos saharauís procedentes de campamentos de refuxiados en Tindouf, Alxeria. Nesta colaboración, a Concellaría de Igualdade e Benestar comprométese a realizar un aporte económico para que as crianzas poidan pasar dous meses de verán en Ares, evitando os períodos de xullo e agosto con temperaturas máis altas e perigosas, pois acadan ata máis de 50 graos centígrados.

O proxecto presentado por SOGAPS baséase na promoción de alternativas de ocio e formación para os nenos e nenas do Sáhara, propiciándolles unha estancia que garanta coñecer formas distintas de vida máis aló dos climas de conflito bélico. Segundo o documento de Vacacións en Paz 2022, tamén supón aproveitar o marco afectivo que existe entre os saharauís e España, unidos por vencellos históricos, culturais e humanos que facilitan o entendemento e a comunicación.

Victoria Montenegro, concelleira de Igualdade e Benestar, salientou que “a acollida supón tamén unha mellora do benestar xeral dos nenos e nenas. Poden acceder con máis facilidade a asistencia médica e de alimentación e, sobre todo, saír do deserto cando as temperaturas son insoportables”.

Dende a Concellaría de Igualdade e Benestar apuntan que as unidades familiares interesadas en ofrecerse para a acollida poden poñerse en contacto cos Servizos Sociais do municipio para xestionar o proceso ou pedir máis información.

Pódeche interesar

Notas de prensa

Galicia sabe a Mar en Ares

Veciñanza e visitantes puideron degustar ao longo da xornada de onte algúns dos sabores únicos que conforman o patrimonio gastronómico galego. A foodtrack da campaña