O obradoiro dual de emprego Reinicia IX pon en marcha a súa actividade teórico-práctica para os próximos 12 meses

Comparte esta nota de prensa

O salón de actos da Alianza Aresana acolleu a inauguración do programa coa presenza das autoridades implicadas na novena edición.

Desta volta, achegarase formación en Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e Traballos de Carpintería e Moble, incluíndo aplicación de vernices e lacas.

A concelleira de Emprego de Ares, Alma Barrón; os rexedores de Fene, Juventino Trigo, e de Cabanas, Carlos Ladra; o concelleiro de Persoal de Mugardos, Miguel Mahía; a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros e a Xefa Territorial de Emprego, Judit Fontela, inauguraron esta mañá nas instalacións da Alianza Aresana unha nova edición do Reinicia, o obradoiro dual de emprego con formación teórico-práctica integrado polos catro concellos, ante o mesmo alumnado que participará na iniciativa.

Durante a presentación, Alma Barrón fixo fincapé “na reinvención do seu nicho profesional” que vivirá o alumnado nos seguintes meses, e tamén enfatizou a “importancia da unión entre concellos pequenos” para promover esta tipoloxía de iniciativas, “fundamentais para reactualizar o coñecemento laboral e ter unha mellor inserción no mercado”.

Pola súa parte, a delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, resaltou que esta novena edición do Reinicia supón unha mostra “da consolidación do traballo executado durante estes anos polos concellos” a prol da formación profesional e puxo en valor a labor dos Axentes de Desenvolvemento Local (ADL) coma traballadores que materializan administrativamente a acción formativa.

Así, nesta novena edición, o alumnado-traballador especializarase en dúas vertentes profesionais, con 10 praza cada unha. Por unha banda, poderán formarse en Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e, pola outra, en Traballos de Carpintería e Moble, ambas en entornos reais de traballo e incluíndo contratos de aprendizaxe en empresas para, posteriormente, obter o seu certificado de especialización profesional.

No caso de Ares, o alumnado-traballador actuará en varios centros de día da comarca, entre eles o de Caamouco, exercendo as tarefas de atención sociosanitaria, mais tamén proveerá o subministro de materiais para a substitución da varanda de madeira que limita o Parque de Rosalía.

O orzamento aproximado para o obradoiro sitúase preto dos 504.000 euros e inclúense subvencións á contratación por valor de 7.500 euros para aquelas empresas que decidan incorporar a algún dos alumnos-traballadores do Reinicia IX.

 

Pódeche interesar