O Concello recuperará o lavadoiro da Fonte da Tella, en Lubre

Comparte esta nota de prensa

Esta semana iniciáronse os traballos deste proxecto de rehabilitación impulsado pola área de Urbanismo, dignificando unha infraestrutura con considerable valor etnográfico; espazos vencellados á identidade de cada parroquia e á memoria emocional da veciñanza.

Con esta intervención da Fonte da Tella, o número de lavadoiros recuperados pola institución aresá elevarase a catro, despois de reacondicionar o de Baixolo (Seselle), o de Bulleiro (Lubre) e A Torre (Cervás).

A Concellaría de Urbanismo dirixida por Olimpia Marcos vén de informar do comezo das obras de rehabilitación do lavadoiro da Fonte da Tella, en Lubre, un proxecto fundamental para a súa recuperación e que suporá un investimento total de 25.033,09 euros, asumidos entre o Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia (17.523, 16 euros) e as arcas municipais (7.509,93 euros).

A intervención paliará o grao de envellecemento que presenta todo o conxunto arquitectónico do lavadoiro, tendo en conta que na actualidade amosa múltiples fisuras, desconchóns e manchas na súa superficie. Ademais, harmonizarase toda a estrutura á contorna rural na que se inscribe, eliminando o impacto negativo na paisaxe local.

No marco da rehabilitación, os traballos centrarase na mellora dos revestimentos e acabados, con materiais nobres en consonancia co espazo no que se atopa o lavadoiro, e a rehabilitación do vaso do lavadoiro, incorporando cuestións de seguridade como a eliminación do amianto e a mellora da estrutura da cuberta. De igual xeito, executarase unha nova canle de desagüe. Na planificación urbanística contémplase un prazo de execución aproximado de dous meses dende o inicio das obras.

Aproveitando o comezo da intervención, Olimpia Marcos salientou “o esforzo do goberno local por recuperar o maior número de lavadoiros e fontes públicas posible cos recursos actuais. Somos conscientes de que forman parte da nosa historia e traballamos na súa posta en valor.  Precisamente por iso impulsamos unha estratexia urbanística que nos permite dignificalos progresivamente, e xa podemos adiantar que o da Fonte da Tella non será o último”.

Sexa como for, o valor patrimonial dos lavadoiros está irremediablemente conectado coa función social que realizaron, ao constituirse como espazos de socialización e de construción de comunidade, mais tamén de lembranzas. Son, en esencia, unha parte da paisaxe de Ares e un lugar de escenas protagonizadas pola veciñanza que aínda anidan na memoria emocional dos e das aresáns.

Toda vez que finalicen os traballos de recuperación da Fonte da Tella, o Concello terá rehabilitados catro lavadoiros, incluíndo o do río Baixolo, en Seselle; o de Bulleiro, en Lubre, e A Torre, en Cervás.

Pódeche interesar

Notas de prensa

Galicia sabe a Mar en Ares

Veciñanza e visitantes puideron degustar ao longo da xornada de onte algúns dos sabores únicos que conforman o patrimonio gastronómico galego. A foodtrack da campaña