O Concello recupera o lavadoiro de Bulleiro, na contorna de Lubre

Comparte esta nota de prensa

Rematanse os traballos de rehabilitación que, ademais, permiten poñer en valor un elemento cun marcado interese etnográfico.

A Concellaría de Urbanismo informa da finalización das obras no lavadoiro de Bulleiro, en Lubre, que xa amosa novo aspecto tras o proceso de rehabilitación e dignificación realizado nas últimas semanas. O Concello recupera así un elemento que presenta un alto valor patrimonial, moi asociado á memoria colectiva da parroquia aresá, coma tamén fixo con outras estruturas coma o lavadoiro de Baixolo, en Seselle.

Desta maneira, interviuse nun conxunto arquitectónico que presentaba un alto grao de envellecemento, incluíndo fisuras, manchas e grietas, e cunhas solucións construtivas que se amosaban alleas á contorna rural na que se inscribían. Despois das obras de rehabilitación, o lavadoiro conta con novos revestimentos e acabados empregando a pedra, ademais dunha varanda de madeira que armoniza a súa estética tendo en conta os elementos rurais que o circundan.

A maiores, os traballos permitiron rehabilitar o vaso do lavadoiro e mellorar a súa seguridade e accesibilidade polas actuacións na súa entrada. En total, a intervención traduciuse nun investimento de 20.000 euros, impostos incluídos, con cargo ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).

Olimpia Marcos, concelleira de Urbanismo, tamén salientou a intención do goberno local de Ares de “continuar coas políticas de recuperación e dignificación deste tipo de espazos, lugares fundamentais á hora de lembrar o traballo das nosas lavandeiras. Os lavadoiros eran en realidade moito máis que iso: convertíanse nos principais puntos de encontro das mulleres na primeira metade do século XX”.

Pódeche interesar