O Concello presenta a segunda edición do Ares Ultramarino

Comparte esta nota de prensa

O selo inclúe cursos formativos para hostalería e empresas locais, unha charla divulgativa sobre cultura ultramarina e a propia celebración do Ares Indiano.

A súa posta en marcha axuda a indagar na relación que se mantén co mar dende un enfoque completo e integral. A historia, o turismo e a cultura mestúranse nunha mesma planificación. 

A concelleira de Cultura, Alma Barrón, e a edila de Turismo, Lucía Blanco, presentaron esta semana a segunda edición do selo Ares Ultramarino, unha ampla planificación cultural e turística que afonda nos vencellos do municipio co mar en termos históricos, sociais, económicos… e que contará cun orzamento próximo aos 18.000 euros, IVE incluído, sufragado entre os fondos municipais e o GALP Golfo Ártabro Norte.

O Ares Ultramarino deste ano desenvolverá tres grandes liñas de actuación: a denominada como Academia do Mar, un seminario de cultura ultramarina e, por último, a propia celebración do Ares Indiano, unha das referencias comarcais relacionadas co proceso da emigración nos comezos do século XX.

A Academia do Mar achegará á localidade varios cursos formativos destinados ó tecido hostaleiro aresán e outros emprendedores locais. A primeira será unha formación de barista para que os camareiros e camareiras aprendan as nocións básicas sobre a preparación de café e todas as súas variantes, mais tamén certas pautas para elaborar cócteles.

A segunda centrarase no escandallo e optimización de menús, que servirá para saber como aproveitar ao máximo os peixes e coñecer os custes que implica cada prato, así como cantos recursos consume. A terceira e última formación enfocarase á conservación dos alimentos e a utilización adecuada de envases para adaptalos ao takeaway, o servizo de comida para levar tan demandado e asentado en tempos de pandemia.

Estas accións formativas impartiranse nas xornadas do 20 e 27 de abril e o 3 de maio na localidade a cargo de profesionais do propio sector. Alberto Pita, profesor de hostalería e turismo da Xunta de Galicia e asesor para a montaxe de locais de hostalería, xunto con Miguel Silvarredonda, tamén profesor de cociña na Xunta e colaborador en departamentos de I+D de empresas do sector alimentario, encargaranse de levalas a cabo.

UNHA PONENCIA DIVULGATIVA E A FESTIVIDADE DO ARES INDIANO

O Ares Ultramarino adopta un enfoque integral nas súas propostas. Permuta entre a gastronomía, a divulgación e o eido lúdico, e iso vese reflectido tamén nas actividades. Así, haberá espazo para unha charla de carácter máis académico no que se afondará na cultura indiana ou de ultramar, exercendo de transmisores dun coñecemento que fala do pasado e axuda a entender o presente.

E como xa aconteceu na anualidade pasada, o Ares Indiano inscribirase dentro deste selo, consolidándose non só na localidade, senón tamén a nivel comarcal como unha referencia na reivindicación da historia de emigración, o patrimonio indiano e o coidado da memoria local.

Pódeche interesar

Notas de prensa

Galicia sabe a Mar en Ares

Veciñanza e visitantes puideron degustar ao longo da xornada de onte algúns dos sabores únicos que conforman o patrimonio gastronómico galego. A foodtrack da campaña