O Concello presenta a nova edición do Ares Indiano

Comparte esta nota de prensa

O evento ampliará un día a súa programación –do venres, 19, ao domingo, 21 de agosto–, apostará por novos servizos, como a posibilidade de alugar traxes de época, e manterá a política de descentralización de actividades polo municipio.

O alcalde da localidade, Julio Iglesias, a concelleira de Cultura, Alma Barrón, e a edil de Turismo, Lucía Banco, veñen de desvelar o cartel do Ares Indiano 2022, unha das principais festividades aresáns consolidada coma referente sociocultural na súa comarca. Os representantes municipais tamén aproveitaron o acto para dar boa conta dos cambios que implica a quinta edición.

O cartel deste ano recolle a esencia de celebración, facendo fincapé nas conexión de Ares con América, pois é ao mesmo tempo unha postal enviada dende ultramar por unha emigrada, Miranda, á súa familia na vila. A través da súa presentación, a área de Cultura expuso que traballa xa en pechar os últimos detalles dunha programación que ampliará o número de xornadas con respecto ó ano pasado: de dous días pasará a tres o 19, 20 e 21 de agosto
.
“Seguiremos cunha das máximas da festividade, que é a descentralización de actividades tanto polo núcleo urbano de Ares coma nas contornas de Cervás e Redes. Esperamos tamén que esta edición recupere as dinámicas prepandémicas, coma a do Ares Indiano 2019, e por iso volveremos a caracterizarnos durante 3 días”, salientou Alma Barrón no acto realizado na casa consistorial.

UN ARES INDIANO CADA VEZ MÁIS COMPLETO

A organización da festividade implicará manter actividades que xa funcionaban ben previamente, como son as rutas en bus ou os viaxes en barco, mais ampliándoas. “Xa podemos dicir que este ano tamén teremos roteiros teatralizados a pé, con Cayetano Lledó”, informou Barrón, que comentou algunha novidade máis do próximo Ares Indiano: “haberá no paseo marítimo un espazo para aluguer de traxes de época, que estará dispoñible unha semana antes do evento para velos e reservalos, e logo na semana posterior para devolvelo”.

Dentro das programacións xa pechadas, contémplase un seminario de cultura ultramarina, financiado polo GALP Golfo Ártabro Norte, que contará coa intervención de especialistas no fenómeno migratorio como María Xosé Porteiro, Raúl Soutelo e Martín Fernández Vizoso, e a presentación da edición facsimilar de Memorias de Juvenal, pseudónimo de Manuel Menéndez Leite, o terceiro libro que se recupera co foco posto na memoria dos indianos aresáns.

Porén, o conxunto de actividades irá moito máis aló, facendo que o Ares Indiano regrese ó espírito e fluxos de anteriores edicións, contando sempre coa colaboración de entidades e agrupacións musicais aresáns, e co incremento paulatino de patrocinadores polo interese crecente que xera a celebración

A Concellaría de Cultura terminou a presentación animando ó tecido comercial e hostaleiro a sumarse ao Ares Indiano, de cara dinamizar conxuntamente todo o municipio.

 

Pódeche interesar

Notas de prensa

Galicia sabe a Mar en Ares

Veciñanza e visitantes puideron degustar ao longo da xornada de onte algúns dos sabores únicos que conforman o patrimonio gastronómico galego. A foodtrack da campaña