Dende o ente municipal invítase a toda a veciñanza a sumarse á iniciativa para reivindicar unha mellora e optimización real do servizo de autobuses xestionado por UTE Hércules Norte.
A concelleira de Mobilidade, Lucía Blanco, tamén se reuniu esta mañá con representantes da Asociación de Veciños de Chanteiro para analizar o estado das conexións con Ares.
A Concellaría de Mobilidade de Ares vén de activar no día de hoxe, 17 de marzo, unha recollida de sinaturas aberta a toda a veciñanza, que tamén inclúe as solicitudes e medidas pendentes de executar para adaptarse de maneira real á demanda da contorna. O documento para asinar estará dispoñible na casa consistorial de Ares, na área de Chanteiro e na de Cervás, e remitirase tanto á Consellería de Mobilidade como a UTE Hércules Norte, facendo constancia das necesidades existentes no municipio.
Así, o Concello solicita, acompañando ás sinaturas, o restablecemento das liñas e frecuencias do servizo de transporte que afectan a Ares e que, ou ben foron eliminadas, ou ben, estando incluídas na oferta actual, non se están a respectar. O goberno local considera que existen 8 accións prioritarias pendentes de acometer na contorna de Ares, as súas parroquias e as conexións con Ferrol.
Entre elas, destacan algunhas demandas como a recuperación de frecuencias con saída de Ferrol destino Ares ás 14.00 e 14.30 horas, pois a súa a inexistencia afecta notablemente á volta do estudantado que acode a centros ferroláns ou feneses; que haxa liñas entre ás 8:00 h e 9:00 h dende Ares a Ferrol, horarios de alta demanda por parte da veciñanza da vila; a posta en marca dunha frecuencia igual ou posterior ás 22.00 horas nas fins de semana, ao contar actualmente cun servizo que finaliza as 20.30 horas ou que se produza unha mellora das conexións regulares con Mugardos –constátase que hai tres horas, de 7:45 a 10:45 h, sen ningunha liña entre ambas localidades–.
Podes consultar aquí embaixo todas as solicitudes que expón o Concello de Ares en relación ao transporte metropolitano na contorna municipal