O Concello organiza un acto para amosar o seu apoio ao pobo ucraíno

Comparte esta nota de prensa

Durante a mañá do domingo, 3 de abril, a Praza da Constitución de Ares acollerá a lectura dunha declaración institucional a prol de Ucraína, xunto coa actuación da banda de música da asociación cultural Xábrega.

O evento súmase a outras accións promovidas polo ente municipal, dende a concentración na entrada do consistorio á campaña de recollida de produtos e fondos económicos aínda activa.

Ares continúa volcándose co conflito bélico que se desenvolve en Ucraína, dentro do marxe de manobra das propias medidas de carácter municipal. Así, a seguinte iniciativa relacionada coa guerra en Europa producirase este próximo domingo, na Praza da Constitución da vila, ás 11:45 horas, e chegará marcada polo simbolismo: membros dunha das familias ucraínas residentes en Ares lerán a declaración institucional aprobada unanimemente na sesión plenaria do mes pasado.

Será un acto no que se invita a toda a veciñanza a acudir e sumarse como unha mostra de apoio e afecto á poboación ucraína, e que contará tamén coa interpretación do “Himno á Alegría” por parte da Asociación Cultural (A.C.) Xábrega. Incluso esta composición reforza a carga simbólica do evento, ao considerarse non só como unha referencia universal da música, senón tamén como un canto á fraternidade dos pobos alén das fronteiras.

Con esta última iniciativa, o Concello volve a enfatizar o seu compromiso coa actual problemática internacional, planificando e programando múltiples accións emprendidas nas pasadas semanas na mesma liña. Ares arrancou inicialmente coa iluminación da fachada do consistorio coas cores da bandeira ucraína, mais tamén viviu unha concentración á súa entrada na que houbo representación de cargos municipais, de traballadores públicos e da veciñanza.

Ademais, mantense activa a campaña de recollida de produtos de primeira necesidade –cun envío de case unha tonelada de materiais básicos entregado na fronteira polaca– e xa está en marcha o proceso para acoller refuxiados na localidade. A todas estas accións promovidas polo goberno local sumarase, en definitiva, o seguinte acto de apoio explícito ó territorio ucraíno que se anunciou hoxe.

Pódeche interesar

Notas de prensa

Galicia sabe a Mar en Ares

Veciñanza e visitantes puideron degustar ao longo da xornada de onte algúns dos sabores únicos que conforman o patrimonio gastronómico galego. A foodtrack da campaña