O Concello lanza as dúas novas rutas coas que percorrer a memoria litoral de Ares

Comparte esta nota de prensa

Os itinerarios xa están dispoñibles no Wikiloc e na páxina web municipais, no tocante ó formato dixital, mais tamén en díptico para a súa difusión física.

O desenvolvemento das rutas con temática mariñeira, que transitan polas ribeiras aresáns e o porto de Redes, inscríbense dentro do proxecto “Ares Descobre” coordinado pola área de Deportes.

Dous percorridos para achegarse á historia de Ares, á súa relación no pasado e no presente co mar debullada sobre o mesmo territorio protagonista: esa é a síntese detrás das novas rutas que veñen de publicarse por parte do Concello nas súas canles municipais. As ribeiras de Cervás e Chanteiro, xunto coa memoria litoral de Caamouco, xa poden desfrutarse non só dende a práctica deportiva e o camiñar, senón tamén a nivel de contidos en diferentes formatos que exploran ambos espazos.

Desta maneira, as dúas rutas tematizadas teñen recollido o seu track no perfil de Wikiloc municipal, onde se atopa toda a información necesaria para a súa realización, pero tamén poden consultarse no díptico recentemente deseñado e no sitio web www.concellodeares.com. Á hora de crealos, partiuse de percorridos circulares dunha extensión próxima aos 6 kms asequible para un público amplo, cada un con diferentes puntos centrados na actividade pesqueira en parte do municipio de Ares.

Con todo, os dous itinerarios, de maneira individual, inclúen audios e videotestemuñas que contextualizan os lugares polos que camiñarán os usuarios; contidos informativos que dan voz á veciñanza, esas persoas que mellor poden vincularse coa historia e as vivencias no litoral da localidade.

UN FONDO PROCESO DE DOCUMENTACIÓN

Foi precisamente o exhaustivo proceso de recollida de información unha das accións chave dentro do deseño das novas rutas. En primeiro lugar, analizouse a oferta turística existente para poder encaixar os itinerarios nas demandas e necesidades de Ares. Posteriormente, levouse a cabo un estudo das zonas con maior potencialidade para desenvolver os percorridos tematizados, tendo en conta parámetros como a accesibilidade e o estado dos sendeiros.

Paralelamente a esta tarefa, realizáronse entrevistas para recompilar información sobre a actividade mariñeira pasada, os enclaves de relevancia social e cultural e as xoias do patrimonio litoral aresán. Algunhas das persoas entrevistadas participaron logo na elaboración das videotestemuñas que serven coma pílulas contextualizadoras das rutas.

Este proxecto, recoñecido como “Definición, deseño e implementación de rutas tematizadas para a promoción do patrimonio natural e mariñeiro do concello de Ares. Ares Descobre”, materializouse a través da xestión da Concellaría de Deportes e co apoio económico do GALP Golfo Ártabro Norte e do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

Pódeche interesar

Papá Noel en Ares
Notas de prensa

Papá Noel visita Ares

Esta semana véronse polas rúas de Ares a uns cantos visitantes moi singulares: Papá Noel chegou dende o círculo polar ártico cos seus axudantes e,