O Concello lanza a programación cultural do VeranAres 2024

Comparte esta nota de prensa

Decenas de actividades dinamizarán a vila en xullo, agosto e setembro para que todo o mundo poida desfrutar do período estival.

Cine ao aire libre, eventos deportivos, concertos, xornadas gastronómicas populares… a variedade da programación consolida ó municipio como referente comarcal para os próximos meses.

A localidade de Ares activa as súas engrenaxes para a chegada do verán, de gran impacto na vila en termos turísticos, económicos e tamén culturais, tendo en conta a amplia grella de actividades que se poñen en marcha para toda a cidadanía durante os próximos meses.

Así, a Concellería de Cultura vén de desvelar hoxe a programación  do VeraneAres 2024 na que se recollen as actividades municipais, incorporando eventos deportivos e turísticos, mais tamén as iniciativas das asociacións de Ares. Alma Barrón, edila de Cultura, enfatizou este último aspecto: “a interconexión co tecido asociativo aresán é fundamental na dinamización do municipio por todo o que achegan. Para nós é relevante apoiar ás asociacións o máximo posible e conseguir un programa diversificado, desfrutable por familias, mozos e adultos”.

Decenas de actividades encherán o municipio de vida cunha ampla variedade de formatos: xornadas gastronómicas populares, concertos, regatas e torneos de tenis ou padel, danzas na praia, cine de verán, sesións teatrais, mercado veciñal, presentación literarias

ALGUNHAS NOVIDADES: XORNADA LITERARIA, FESTA DO ARROZ GARRAFÓN E CURSOS PARA A MOCIDADE

Poñendo o foco máis aló dos eventos xa consolidados ano tras ano no verán de Ares, a concelleira de Cultura tamén debullou algunhas das novidades deste 2024. “Teremos programacións para a mocidade con torneos de billar, eSports, futbolín… mais tamén cursos de competencias dixitais na Casa da Xuventude. Tamén seremos sede dun curso de verán da Universidade de Santiago de Compostela [o 22 e 23 de xullo] e organizaremos, xa neste mes de xuño, unha xornada lúdico-cultural arredor da literatura de proximidade, a I Edición do LiterAres [o 22 de xuño]”, detallou Barrón.

E xunto a todo isto incorpórase unha homenaxe particular: a ‘Festa do Arroz Garrafón’ [25 de xullo] en recordo de Ramón Rey Sánchez, alcumado coma Garrafón e falecido en 1982. Segundo a concelleira de Cultura, “homenaxeamos a este persoeiro singular de Ares, pregoeiro do Radio Cine, para coidar o patrimonio inmaterial da localidade, e é indubidable que as persoas que caracterizaron a nosa vila no pasado tamén forman parte fundamental del”.

A festa actúa como un acto de memoria no que se alude a unha frase que vociferaba Garrafón polas rúas aresáns, “por terra, mar e aire, e por debaixo do auga”, tres elementos que estarán presentes no arroz que se realizará no marco do evento.

Con esta planificación lúdica, cultural e deportiva, accesible ao completo en www.concellodeares.gal  tanto veciñanza como visitantes xa poden tomar nota nas súas axendas para gozar dun novo VeraneAres.

FOLLETO VERANEARES 2024

Pódeche interesar

Notas de prensa

Galicia sabe a Mar en Ares

Veciñanza e visitantes puideron degustar ao longo da xornada de onte algúns dos sabores únicos que conforman o patrimonio gastronómico galego. A foodtrack da campaña