2024-RURAL TIC ARES-1

O Concello lanza 8 obradoiros para veciñanza e 6 para comercios locais centrados na dixitalización

Comparte esta nota de prensa

No marco do programa Rural TIC impulsado polo Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, a administración local comprométese coa formación en novas tecnoloxías e a mellora do posicionamento virtual das empresas de Ares.

Durante as semanas que abranguen do 15 de abril até o venres, 26 deste mes, a vila acollerá unha oferta de cursos en novas tecnoloxías con docentes voluntarios de INECO para gañar autonomía na rede.

Todos os obradoiros precisan de inscrición previa, ben presencialmente na Casa da Xuventude de Ares, ben a través dos formularios de inscrición telemáticos que habilita o Concello, dende esta tarde ás 14:30 horas.

A Concellaría de Tecnoloxías da Información e Comunicación (TICS) de Ares vén de desvelar hoxe toda a oferta de cursos que se poñen a disposición da veciñanza e tecido empresarial no marco do programa Rural TIC do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana. Este conxunto de obradoiros supoñen unha oportunidade única para formarse gratuitamente en cuestións relacionadas coa Internet, a ciberseguridade e os bos hábitos á hora de navegar pola rede, promovendo unha maior autonomía persoal para a cidadanía e unha mellora da presenza dixital das empresas.

Así, habilítanse un total de 14  obradoiros (8 para veciñanza e 6 para empresas) que se impartirán durante as dúas semanas, dende o luns, 15 até o venres, 26 de abril. As formacións dirixidas á cidadanía en xeral céntranse fundamentalmente en achegar coñecemento sobre o bo uso de certas aplicacións (banca dixital e compras online; bizums; webs de confianza), unha navegación segura coma usuarios ou como interaccionar coa administración vía virtual.

No que atinxe ás empresas, o programa Rural TIC ensinará a ter unha páxina ou tenda en liña propia, amais de falar das ferramentas ao alcance do autonómo ou pequena empresa para a súa organización interna, incorporando tamén un módulo específico para aprender a traballar coa administración (plataformas de contratación, tramitacións electrónicas, certificados dixitais…). Esta planificación inclúe unhas sesións, denominadas como “ventás de información”, para o asesoramento máis personalizado ao empresario/a para posicionalo na Internet con máis calidade e a resolución das dúbidas dos obradoiros.

Aproveitando a posta en marcha desta programación, a concelleira de TICs, Olimpia Marcos, enfatizou “o relevante que é este tipo de coñecementos para todos os cidadáns, pero especialmente á xuventude e persoas maiores, ao axudar a desenvolverse moito mellor e con máis seguridade na rede”, salientou.

A edil de TICs tamén declarou que “dende o Concello consideramos que é fundamental contribuír e potenciar o medio rural a través da dixitalización, reducindo as brechas que se producen coa transformación tecnolóxica; ese é o noso compromiso e función social”.

INSCRICIÓNS DE BALDE E ABERTAS DENDE HOXE

Para formalizar os obradoiros, precisarase contar cun grupo mínimo de persoas interesadas (5 persoas), baixo inscrición previa presencial na Casa da Xuventude ou vía telemática, seguindo os dous formularios que habilitará o Concello de Ares a partir das 14:30 horas deste martes, 9 de abril, até o luns, 15, nesa mesma franxa horaria. A participación tanto dos comercios locais coma da veciñanza nos obradoiros é de balde.

No que atinxe aos horarios, os cursos destinados á veciñanza realizaranse de 17:30 a 19:00 horas e os focalizados no tecido empresarial de 19:30 a 21:00 h., todos na Casa da Xuventude municipal.

LISTAXE DE OBRADOIROS DESTINADOS Á VECIÑANZA

  • Obradoiro 1: programas de formación en uso de aplicacións tecnolóxicas a colectivos sociais, maiores, persoas vulnerables, asociacións, etc.
  • Obradoiro 2: saúde e comunicación dixital, correo electrónico, mensaxería instantánea.
  • Obradoiro 3: seguridade e privacidade na internet, estafas en liña, prevención.
  • Obradoiro 4: banca dixital e compra en liña, transferencias, bizum, declaración renda, modos de pago, webs de confianza, envíos e devolucións.
  • Obradoiro 5: trámites administrativos, seguridade social, prestacións, outros trámites administrativos.
  • Obradoiro 6: saúde, citas médicas, xogos memoria, recordatorio medicamentos, localización familiares…
  • Obradoiro 7: lecer e tempo libre, redes sociais, viaxes e restauración, información xeral.
  • Obradoiro 8: programas dos riscos do uso da internet dos fillos e vixilancia activa dirixida a pais/nais/titores.

LISTAXE DE OBRADOIROS DESTINADOS A EMPRESAS

  • Obradoiro 1: transversal de iniciación, nivel e dixitalización dos participantes e recollida de necesidades.
  • Obradoiro 2: programas de formación en tecnoloxías e ferramentas dispoñibles para negocios e pequenos empresarios.
  • Obradoiro 3: creación de páxina web en liña de inicio a fin.
  • Obradoiro 4: posicionamento dixital: web, Blog, tenda en liña, plataforma redes sociais, correo electrónico, anuncios de pago.
  • Obradoiro 5: ferramentas dispoñibles para a organización interna da peme ou autónomo.
  • Obradoiro 6: certificados dixitais, tramitación electrónica, plataformas de contratacións.

Enlace para realizar a inscrición nos obradoiros dedicados á veciñanza: INECO RURAL TICs Ares 2024 (google.com)

Enlace para realizar a inscrición nos obradoiros dedicados ás empresas: INECO RURAL TICs Ares 2024 (google.com)

2024-RURAL TIC ARES-22024-RURAL TIC ARES-3

Pódeche interesar