O Concello de Ares está a levar a cabo diversas obras de revalorización do parque fluvial da Xunqueira, logo de recibir unha subvención de 20.000 euros da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no marco do programa de axudas para o desenvolvemento do proxecto PIMA Cambio Climático. Estas intervencións promovidas pola administración local están valoradas nun total de 20.097,29 euros.
Os traballos, segundo consta no proxecto, teñen por obxecto a rehabilitación da senda que percorre o parque fluvial e as súas áreas de interpretación da natureza. En concreto, a intervención consiste na limpeza das superficies de madeira en todo o seu percorrido (entablado, varandas e casetas de observación), incluindo a poda e eliminación de restos vexetais que comprometan o tránsito e a estabilidade da construción da senda, contribuindo así á súa revalorización.
No capítulo de reparacións inclúense traballos de desmontaxe e demolición das pezas de madeira en mal estado e a súa reposición por outras seccións novas.
Ademais, os traballos inclúen a dotación de equipamento, coa colocación de carteis informativos de especies de flora e fauna, con características, imaxes e códigos QR; instalación de refuxios para patos de madeira tratada en zonas non inundables; instalación de niños para paxaros en masas arbóreas; así como a instalación de comederos para paxaros en zonas estratéxicas que favorezan a actividade das especies.
Os traballos na Xunqueira, que foron sempre un obxectivo prioritario do grupo de goberno en materia ambiental, iniciáronse baixo unha serie de obxectivos claros: os da recuperación, a potenciación e a protección do humidal do río, posibilitando grazas ás actuacións realizadas ata o momento o coñecemento da súa flora, fauna e paisaxe por parte da poboación.
Ata o momento, os resultados foron moi positivos, xa que o parque fluvial está sendo visitado a diario por numerosos veciños e veciñas da vila e mesmo de fóra do municipio e, ademais, a súa recuperación estableceu en Ares especies como os patos, que xa forman parte da estampa cotiá do humidal.
Os novos traballos de recuperación e revalorización do espazo estarán rematados no prazo aproximado de dúas semanas. Durante este período, pecharanse ao público diferentes tramos do paseo. Actualmente, o tramo do parque situado entre a avenida de Redes e o cruzamento coa pasarela que conduce a Pedrós atópase pechado.