O Concello inicia as obras de renovación do Patio da Escolas do Lago

Comparte esta nota de prensa

A actuación, supón un investimento de 51.000 euros, e executarase cunha axuda concedida por Turismo da Xunta a través dos Fondos Europeos Next Generation, por importe de 46.000 euros, asumindo a administración local o importe restante.

A intervención permitirá o empedrado do chan do recinto exterior, e tamén do caleixón lateral para mellorar a accesibilidade.

Os traballos deron comezo a pasada semana coa demolición das bodegas

Coas obras no segundo edificio das Escolas do Lago a piques de rematar, o Concello deu inicio a pasada semana a unha nova obra que suporá a culminación da rehabilitación integral do conxunto: a renovación do patio.

A actuación, por valor de 51.000 euros, financiarase cunha axuda concedida por Turismo da Xunta a través dos Fondos Europeos Next Generation, que ascende a 46.000 euros, asumindo a administración local o importe restante.

A intervención permitirá o empedrado do chan do recinto exterior, e tamén do caleixón lateral para mellorar a accesibilidade.

PROFUNDO PROCESO DE RENOVACIÓN

As Escolas do Lago, inauguradas en 1955 e deseñadas polo arquitecto Rodolfo Ucha, foron obxecto dun profundo proceso de renovación por parte do Concello de Ares, co obxectivo de preservar o seu valor histórico e mellorar o seu estado de conservación.

A primeira fase de renovación realizouse no primeiro edificio, cunha intervención completa que incluíu a rehabilitación de cubertas, tabiquería interior, pavimentos, instalacións eléctricas, aseos ou pintura, entre outros aspectos. Esta intervención contou cun investimento de 134.000 euros.

Posteriormente, levouse a cabo a rehabilitación do peche do conxunto das Escolas, cun investimento destinado á rehabilitación do muro perimetral e a mellora da accesibilidade de todo o conxunto, eliminando as barreiras arquitectónicas existentes. O orzamento dos traballos ascendeu aos 28.669,02 euros.

Recentemente, comezaron as obras de renovación do segundo edificio, cun investimento de 273.073,06 euros, que incluiu melloras similares ás realizadas na primeira edificación, co obxectivo de completar a rehabilitación integral desta importante infraestrutura histórica.

En canto a esta nova obra iniciada no patio, permitirá levar a cabo a renovación  dun espazo emblemático da antiga escola de nenas que forma parte do conxunto arquitectónico.

Esta intervención iniciouse a pasada semana coa demolición das bodegas e proseguirá coa substitución do pavimento existente de formigón por outro novo con lousas de granito, e ademais  realizarase a pavimentación do caleixón da entrada lateral para unha mellor conexión e accesibilidade co exterior, utilizando a mesma tipoloxía de materiais.

COMPROMISO COA CONSERVACIÓN DO PATRIMONIO

Desde a concellería de Urbanismo destacan que todas as actuacións realizadas  poñen de manifesto o compromiso do Concello coa conservación do patrimonio cultural local e a mellora das infraestruturas e espazos públicos.  A concelleira Olimpia Marcos destacou que  “a execución desta obra de renovación do patio  supón o paso definitivo para completar a rehabilitación das Escolas do Lago, un proceso no que o Concello implicouse constantemente na procura de financiamento e co que se culminará a súa recuperación total como espacio cultural e socio comunitario”.

Pódeche interesar