Este novo equipamento está situado na rúa Concepción Arenal, unha zona céntrica que ofrece fácil acceso ás principais atraccións e servizos da vila.
Para levar a cabo esta actuación, o Concello xestionou a adquisión da parcela, que conta cunha superficie de 2.387 m2, formalizando a súa compra o pasado mes de maio. Posteriormente, realizáronse os traballos de acondicionamento, preparando a área para albergar aproximadamente 70 vehículos. As accións emprendidas incluíron a roza da parcela, que se atopaba cuberta de maleza, así como o acondicionamento con pavimentos brandos para garantir unha contorna adecuada para estacionar.
Esta nova zona de aparcamento súmase a outros espazos xa existentes no núcleo urbano, como o de Cortiñas Gil, que foi recentemente ampliado, e os situados na avenida de Mugardos e na avenida Federico García Expósito. Con esta adición, o Concello busca ampliar a dispoñibilidade de estacionamento para a veciñanza e os visitantes, contribuíndo así a facilitar a mobilidade no centro urbano da localidade.