O Concello finaliza a mellora da comunicación viaria entre o Castelo da Palma e as antigas baterías militares de San Martiño

Comparte esta nota de prensa

  • Actuando sobre un treito de aproximadamente 75 metros, executouse un novo sistema de drenaxe transversal, instalouse unha barreira rústica para a protección peonil e tamén se reconstruiu o firme mediante unha solución integrada paisaxisticamente na contorna.
  • Partiu dun orzamento de 48.400 euros aproximadamente, co apoio económico da Deputación da Coruña.

 

A área de Urbanismo municipal vén de notificar o remate das obras que se estaban a acometer nun tramo do vial histórico que se estende entre o Castelo da Palma e as antigas baterías militares situadas nas proximidades da Punta San Martiño.

O proxecto recentemente finalizado permitiu recuperar así as condicións de seguridade dun itinerario patrimonial e paisaxístico moi transitado por veciñanza, visitantes e sendeiristas en xeral.

A actuación orientouse, amais de realizar rozas e retiradas de vexetación, na execución dun novo sistema de drenaxe transversal mediante un paso salvacunetas, a instalación dunha barreira rústica de protección lateral integrada na paisaxe, de cara a evitar caídas cara ás cotas inferiores do litoral, e a reconstrución do firme, moi deteriorado, empregando unha base compactada, xeotéxtil e cun pavimento terrizo de xabre granítico e cemento.

Este conxunto de traballos actuaron sobre un treito de 75 metros de lonxitude que presentaba áreas erosionadas, acumulación de sedimentos, problemas de drenaxe e lameiros, obtendo así unha mellora do tránsito peonil e do acceso de vehículos de mantemento ou de emerxencias, no caso de precisarse.

Con todo, o proxecto materializou solucións que respectan o valor patrimonial e ambiental deste vial de carácter histórico, que forma parte do sistema defensivo da ría de Ferrol coñecido como o ‘Triángulo de fogo’, servindo de conexión entre postos de vixilancia, fortificacións e elementos militares da costa. Por iso mesmo os traballos evitaron solucións asfaltadas ou urbanas, co foco posto en manter unha estética máis integrada paisaxisticamente.

A concelleira de Urbanismo, Olimpia Marcos, salientou que “esta nova intervención se suma a outras xa materializadas en eidos semellantes, impulsando a comunicación viaria e os accesos: melloramos a subida dende o convento de Santa Catalina ás baterías da Bailadora e tamén dende o camiño de Salgueiras ata as do Segaño, facendo realidade actuacións centradas na dignificación deste patrimonio de orixe militar”.

O investimento ascendeu a 48.400 euros, impostos incluídos, co apoio financeiro da Deputación da Coruña.

 

 

 

Pódeche interesar

Notas de prensa

Campións Galegos de BTT XCM!

Ares viviu este domingo unha gran xornada de ciclismo coa celebración do I XCM Club Pulpeiros, proba do Campionato de Galicia de BTT XCM 2026.