O Concello e a Xunta asinan o convenio para a futura ampliación do CPI As Mirandas

Comparte esta nota de prensa

O alcalde de Ares, Julio Iglesias, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, formalizaron onte o inicio dos trámites para a futura ampliación do colexio CPI As Mirandas, coa sinatura do convenio de colaboración entre ambas institucións. Adquírese así o compromiso de materializar unha mellora substancial e fundamental para a localidade, co foco en solventar as necesidades da comunidade educativa aresán.

“Hoxe é un dos días máis importantes de todos os que vivín como alcalde”, sintetizou Iglesias, lembrando tamén o percorrido realizado ata o de agora en materia de trámites e negociacións, como a aprobación do Plan de Urbanismo, fundamental para a obtención do convenio, ou a adaptación dos terreos da rúa Celso Emilio Ferreiro, entre outros. A ampliación suporá o establecemento “dunha nova liña educativa con sete aulas nun novo edificio”, segundo o alcalde de Ares, e implicará un investimento de máis dun millón e medio de euros.

O acordo enmárcase, ademais, dentro do compromiso do goberno autonómico para adaptar os centros escolares ás necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas do futuro. “O Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica chegará de este modo tamén a Ares, cunhas actuacións que se adaptarán en deseño e necesidades aos novos tempos”, expuxo Román Rodríguez. Neste sentido, Rodríguez engadiu que os traballos se deseñarán acorde cos parámetros técnicos, de sostibilidade e de accesibilidade marcados no plan que a propia Xunta ten en marcha.

Tras a sinatura do convenio, o goberno autonómico contratará a redacción do proxecto e determinará a contía a inverter, así como os prazos estimados. A previsión é que a ampliación permita crear seis aulas máis de Infantil e a sétima de psicomotricidade, consolidando un “substancial avance nos servizos educativos do concello” tras o aumento de aulas e as melloras nos servizos especializados, en declaracións do conselleiro de Educación.

Pola parte do concello, póñense a disposición os terreos adaptados para arrancar cos traballos, mais tamén asume a obriga de outorgar as licenzas de edificación necesarias, garantir os usos urbanísticos e infraestruturas da parcela, urbanizar os accesos ao centro e sufragar o seu mantemento e conservación.

Pódeche interesar

Notas de prensa

Galicia sabe a Mar en Ares

Veciñanza e visitantes puideron degustar ao longo da xornada de onte algúns dos sabores únicos que conforman o patrimonio gastronómico galego. A foodtrack da campaña