O Concello de Ares Presenta “Academia Ares XSalud”, Un Programa Educativo deseñado para fomentar e mellorar Hábitos Saudables na Veciñanza

Comparte esta nota de prensa

A Concellaría de Benestar e a Concellaría  de Deportes do Concello de Ares organizan a iniciativa “Academia Ares xSalud”, un programa educativo deseñado para fomentar e mellorar hábitos saudables na nosa localidade.

“Academia Ares xSalud” eríxese como un espazo municipal dedicado á realización de actividades educativas centradas na promoción da saúde na poboación do noso municipio. O proxecto, que foi presentado no día de onte, ten como obxectivo fomentar actitudes, coñecementos e hábitos de vida saudables; detectar e eliminar comportamentos de risco; así como previr o desenvolvemento de enfermidades crónicas e promover estilos de vida saudables.

O programa “Academia Ares xSalud” consta de seis charlas mensuais dirixidas por expertos en saúde, quen abordarán diversos aspectos desde unha perspectiva multidisciplinaria. As datas e temas das charlas son as seguintes: o 19 de xaneiro, “Saúde infantil vs. Adultos sans”; o 9 de febreiro, “Maiores e dor”; o 16 de febreiro, “Xubilación: e agora que?”; o 15 de marzo, “Muller e ciclos hormonais ao longo da vida”; o 12 de abril, “Adultos maiores, como activarnos”; e o 3 de maio, “Adolescentes”.

A concelleira de Benestar, Victoria Montenegro, expresou: “Con ‘Academia Ares xSalud’, buscamos proporcionar á veciñanza ferramentas prácticas e coñecementos sólidos para que poidan tomar decisións informadas sobre o seu benestar”. Montenegro destacou a importancia de abordar de maneira integral os desafíos que enfronta a sociedade en termos de saúde, reunindo a expertos en diversas disciplinas ao longo destas charlas mensuais. A edil explicou que “trátase de chegar a todas as idades e grupos demográficos, desde a infancia ata a idade adulta, para construír xuntos un municipio máis saudable”.

PRIMEIRA CHARLA: 19 DE XANEIRO “SAÚDE INFANTIL VERSUS ADULTOS SANS”

En canto á primeira charla programada para o 19 de xaneiro, titulada “Saúde Infantil Versus Adultos Sans”, levarase a cabo ás 19:00 horas na Alianza Aresana. O conferencista desta sesión será Camilo Prieto Rivas, un profesional con formación en CC. Actividade Física e Deporte, Fisioterapia, Osteopatía, Posturología, e especializacións en Readaptación Funcional Deportiva e Psiconeuroinmunología clínica.

Esta charla diríxese á poboación en xeral, incluíndo pais, nais, adolescentes, adestradores/as e persoas que traballan coa infancia e adolescencia. Os temas para tratar abarcarán desde os fundamentos do desenvolvemento infantil ata aspectos cruciais como alimentación, inmunidade, dor e enfermidade. O propósito principal é proporcionar coñecementos fundamentais sobre o desenvolvemento desde a infancia ata a adolescencia, explorando aspectos como o desenvolvemento psicomotriz, a programación inmunitaria, o cerebro edonista e racional, así como claves para a felicidade e outros aspectos relacionados coa saúde integral.

Pódeche interesar