O Concello de Ares e a editorial Hércules de Ediciones convocan a terceira edición do Premio Novela Curta Alén

Comparte esta nota de prensa

O certame literario convida a autores e autoras en lingua galega a presentar os seus manuscritos orixinais e optar así a un premio por valor de 2.000 euros e a publicación da súa obra na editorial coruñesa.

Como en anteriores anos, a migración deberá estar presente nos textos literarios, sen a obrigatoriedade de que sexa o tema central da novela, pero si formando parte importante da configuración da trama ou da vida dalgunha das personaxes.

A concelleira de Cultura de Ares, Alma Barrón, e a directora de Hércules de Ediciones, Laura Rodríguez, presentaron conxuntamente o III Premio Novela Curta Alén Concello de Ares, o certame da institución aresá co foco posto na narración literaria do proceso migratorio en toda a súa complexidade.

No acto de presentación desta mañá na casa consistorial debulláronse as bases de participación no premio, que ten como obxectivo principal o fomento da creación literario e a celebración da riqueza cultural da emigración e literatura de Galicia, promovendo un espazo de recoñecemento das obras escritas en lingua galega.

Así, Alma Barrón subliñou “a aposta firme por contribuír á conservación e entendemento da memoria da migración, sabendo que en Ares precisabamos un certame literario que permitise construír, coa colaboración de Hércules de Ediciones para a súa publicación e difusión, unha colección de historias con esa liña de traballo”.

Como galardón, o Alén contempla unha dotación económica que ascende a 2.000 euros, amais da publicación da novela gañadora no catálogo de Hércules de Ediciones, deseñando así unha colección narrativa que olla a migración con profundidade, divulgando o seu compoñente máis emocional e social: como se sinte alguén que migra, que deixa ao seu redor e atrás, a que se debe afrontar e como se transformou ao longo do tempo.

 

BASES XA DISPOÑIBLES NA WEB INSTITUCIONAL

Xunto co anuncio da nova convocatoria, tamén se fixeron públicas as bases que rexen a terceira edición do Alén en www.concellodeares.gal, previa publicación no BOP do 11 de outubro de 2024.

Cada participante deberá presentar unha única obra en lingua galega, orixinal e inédita, que preferentemente aborde a temática da emigración galega alén do mar, aínda que poida debullar calquera outro lugar do mundo. De feito, non é necesario que a emigración sexa a temática central da novela, mais si que debe formar parte da trama ou da vida dalgunha das personaxes.

No tocante ao formato das obras, estas deben ter unha extensión que oscile entre 80.000 e 140.000 caracteres con espazos. Deben presentarse tres copias impresas, mecanografadas a unha soa cara e con letra Times New Roman, tamaño 12, sen firma nin elementos identificativos, incluíndo o título e o pseudónimo do autor/a para garantir o anonimato. Ademais das copias físicas, débese enviar un CD ou pendrive co arquivo dixital en formato OpenOffice, Word ou outro similar.

Xunto co manuscrito, os interesados teñen que enviar un sobre a parte co título e o pseudónimo no exterior, incluíndo no seu interior os datos do autor/a, unha fotocopia do documento de identificación (DNI ou pasaporte), e unha declaración xurada de aceptación das bases do concurso e de que a obra presentada é orixinal do autor/a e de carácter inédito.

O prazo de admisión das obras estará aberto ata o 9 de maio de 2025 (inclusive), e os traballos deben enviarse á seguinte dirección, indicando nos exterior dos sobres o asunto “III Premio Novela Curta Alén Concello de Ares”:

  • Rexistro Xeral, Concello de Ares, Á/a Área de Cultura.
  • Avenida Saavedra Meneses, 12. CP: 15624 (Ares, A Coruña)

O fallo do xurado, composto por persoas de recoñecido prestixio cultural, darase a coñecer durante o mes de xuño de 2025. Os principais criterios de valoración serán a calidade da escritura, a técnica literaria empregada e a orixinalidade da obra.

A entrega do premio e a presentación do libro levaranse a cabo na segunda quincena de agosto de 2025, no marco da festividade do Ares Indiano, fortalecendo a conexión existente entre o concurso e a celebración dun evento que conmemora a memoria da migración local.

 

Ligazón ás bases do certame: 2024-BASES- III EDICION ALEN CONCELLO DE ARES

Pódeche interesar

Notas de prensa

Galicia sabe a Mar en Ares

Veciñanza e visitantes puideron degustar ao longo da xornada de onte algúns dos sabores únicos que conforman o patrimonio gastronómico galego. A foodtrack da campaña