O Concello de Ares convoca a segunda edición do Premio Novela Curta Alén

Comparte esta nota de prensa

O Concello de Ares e a editorial Hércules de Edicións anuncian a segunda edición do “Premio Novela Curta Alén Concello de Ares”. Nunha presentación conxunta levada a cabo esta mañá por Alma Barrón, concelleira de Cultura de Ares, e Laura Rodríguez, directora de Hércules de Edicións, presentouse este importante certame

O gañador deste prestixioso certame recibirá un premio por valor de 2,000 euros e terá a oportunidade de ver a súa obra publicada por Hércules de Edicións.

O Concello de Ares e a editorial Hércules de Edicións anunciaron a convocatoria do ” II Premio Novela Curta Alén”. Este prestixioso premio literario ten como obxectivo fomentar a creación literaria e celebrar a riqueza cultural da emigración galega, así como da literatura en lingua galega.

A presentación deste evento levouse a cabo esta mañá no Concello a cargo de Alma Barrón, concelleira de Cultura, e Laura Rodríguez, directora da editorial. Barrón destacou que esta iniciativa “brindará unha perspectiva única sobre o proceso de migración”. Ademais, subliñou que “tras a extraordinaria acollida da primeira edición, confirmamos que este tipo de iniciativas son moi ben recibidas por escritores, lectores e veciños. Isto débese non só ao estímulo que brindamos aos creadores, senón tamén á preservación da memoria local, que representa unha parte fundamental da nosa historia”. Pola súa banda, Laura Rodríguez de Hércules Edicións resaltou  “a importancia deste premio literario para achegar aos lectores historias sobre a nosa emigración e descubrir novos talentos na literatura en lingua galega”.

Ademais, no acto celebrado esta mañá, o Concello e Hércules de Edicións fixeron públicas as bases do concurso, dispoñibles na páxina web da institución aresana (www.concellodeares.gal).

Cada participante pode presentar unha única obra en lingua galega, que debe ser orixinal e inédita, e preferentemente abordar a temática da emigración galega alén do mar, aínda que tamén pode tratar calquera outro lugar do mundo. Non é necesario que a emigración sexa o tema central da novela, pero debe formar parte da trama ou a vida dalgún dos personaxes.

Respecto ao formato das obras, estas deben ter unha extensión que oscile entre 80,000 e 140,000 caracteres con espazos. Deben presentarse tres copias impresas, mecanografadas a unha soa cara e con letra Times New Roman, tamaño 12, sen firma nin elementos identificativos, e deben incluír o título e o pseudónimo do autor/a para garantir o anonimato. Ademais das copias físicas, débese enviar un CD ou pendrive co arquivo dixital en formato OpenOffice, Word ou outro similar.

Xunto co manuscrito, os interesados deben enviar un sobre á parte co título e o pseudónimo no exterior, no que se incluirán os datos do autor/a, unha fotocopia do documento de identificación (DNI ou pasaporte), e unha declaración xurada de aceptación das bases do concurso e de que a obra presentada é orixinal do autor/a e de carácter inédito.

O prazo de admisión das obras estará aberto ata o 10 de maio de 2024 (inclusive), e os traballos deben ser enviados á seguinte dirección, indicando nos exterior dos sobres o asunto “II Premio Novela Curta Alén Concello de Ares”:

  • Rexistro Xeral, Concello de Ares, Área de Cultura.
  • Avenida Saavedra Meneses, 12. CP: 15624 (Ares, A Coruña)

O premio do certame será único, cunha dotación de 2,000 euros e a publicación da obra no catálogo de Hércules de Edicións. O fallo do xurado, composto por persoas de recoñecido prestixio cultural, darase a coñecer durante o mes de xuño de 2024. Os principais criterios de valoración serán a calidade da escritura, a técnica literaria empregada e a orixinalidade da obra.

A entrega do premio e a presentación do libro levaranse a cabo na segunda quincena de agosto de 2024, no marco da festividade do Ares Indiano, fortalecendo a conexión existente entre o concurso e a celebración dun evento que conmemora a memoria da migración local.

BASES en pdf

Pódeche interesar

Notas de prensa

Galicia sabe a Mar en Ares

Veciñanza e visitantes puideron degustar ao longo da xornada de onte algúns dos sabores únicos que conforman o patrimonio gastronómico galego. A foodtrack da campaña