O Concello convoca a primeira edición do Premio Novela Curta Alén

Comparte esta nota de prensa

A concelleira de Cultura de Ares, Alma Barrón, e Laura Rodríguez, directora de Hércules de Ediciones, editorial colaboradora, veñen de presentar un certame literario que recibirá manuscritos de entre 80.000 a 140.000 caracteres, incluíndo espazos, ata o 15 de maio de 2023.

O premio será único e indivisible por un valor de 2.000 euros, amais da publicación da obra no catálogo de Hércules de Ediciones.

Dende hoxe, 18 de novembro, todas as persoas maiores de idade de calquera nacionalidade e residencia están convidadas a sumarse ao novo certame literario que promove o Concello de Ares en colaboración con Hércules de Ediciones: o I Premio de Novela Curta Alén. O concurso vén de ser presentado esta tarde na Alianza Aresana, símbolo da pegada indiana no municipio, por Alma Barrón, concelleira de Cultura, e Laura Rodríguez, directora da editorial, coma unha iniciativa que “poñerá en valor, dende outra perspectiva, o proceso da migración”, en palabras de Barrón.

A concelleira de Cultura da localidade aproveitou a presentación para contextualizar a orixe deste premio: “desexabamos incorporar unha nova actividade á vida cultural de Ares nun dos eidos, o literario, que nos quedaban pendentes. Cunha biblioteca tan dinámica como a nosa, e cunha celebración coma a do Ares Indiano, pensamos que é esencial que exista tamén unha iniciativa que traballe coa narrativa en galego sobre a emigración”.

Tamén Laura Rodríguez, dende Hércules Ediciones, salientou “a importancia deste premio literario para achegar aos lectores e lectoras historias sobre a nosa emigración e tamén para descubrir novos talentos na literatura en lingua galega”.

15 DE MAIO DE 2023, DATA MÁXIMA PARA A RECEPCIÓN DE OBRAS

Xunto coa presentación, o Concello e Hércules de Ediciones tamén veñen de desvelar as bases do certame, que estarán accesibles en todo momento na páxina web da institución aresán (www.concellodeares.gal). Nese senso, cada participante poderá presentar un único traballo en lingua galega, orixinal e inédito, no que aparecerá recollida a emigración galega preferentemente de alén mar, aínda que poderá referirse a calqueira outra do mundo. Porén, non é necesario que a novela teña coma eixo principal a emigración, pero si deberá formar parte da trama ou da vida dalgún dos personaxes que a configuren.

No tocante ó formato das obras, terán que contar cunha extensión mínima de 80.000 e máxima de 140.000 caracteres con espazos. Presentaranse tres exemplares separados, mecanografados a unha soa cara e cun tipo de letra Times New Roman, tamaño 12, debidamente grampados ou encadernados, incluíndo o seu título e o pseudónimo do autor/a que garantirá o seu anonimato. Ademais dos exemplares físicos, deberase presentar un CD ou pen drive co arquivo dixital en formato OpenOffice, Word ou similar.

Xunto co manuscrito, os interesados remitirán unha plica, en sobre aparte co título e pseudónimo no exterior, no que incluirán:

  • Datos do autor/a.
  • Fotocopia do documento de identificación (DNI ou pasaporte)
  • Declaración xurada de aceptación das bases do certame e de que a obra presentada é orixinal do/a autor/a e de carácter inédito.

O prazo de admisión das obras estará aberto ata o 15 de maio de 2023 (incluido), debendo remitir os traballos á seguinte dirección, indicando no exterior dos sobres o asunto “I Premio Novela Curta Alén Concello de Ares”:

Rexistro Xeral, Concello de Ares, Área de Cultura

Avenida Saavedra Meneses, 12. CP: 15624 (Ares, A Coruña)

O PREMIO LITERARIO: 2.000 EUROS E PUBLICACIÓN DA OBRA

O galardón do concurso de novela curta será único, cun pago de 2.000 euros e a publicación da obra dentro do catálago de Hércules de Ediciones. O fallo do xurado, que estará composto por persoas de recoñecido prestixio cultural, desvelará o seu veredicto durante o mes de xuño de 2023, tendo coma principais criterios de valoración a calidade da escritura, a técnica literaria empregada e a orixinalidade da obra.

O acto de entrega do premio e a presentación do libro realizaranse na segunda quincena do mes de agosto de 2023, no marco da festa do Ares Indiano, reforzando o claro vencello entre o certame e a celebración dun evento que dignifica ano tras ano a memoria da migración local.

BASES en pdf

Pódeche interesar

Notas de prensa

Galicia sabe a Mar en Ares

Veciñanza e visitantes puideron degustar ao longo da xornada de onte algúns dos sabores únicos que conforman o patrimonio gastronómico galego. A foodtrack da campaña