O Concello comeza coas obras de renovación de servizos nas rúas Caramanchón, dos Mártires e San Xoán na contorna do Porto

Comparte esta nota de prensa

A intervención renovará a infraestrutura de saneamento de augas fecais e pluviais, xunto coa eléctrica e de telecomunicacións, amais da iluminación e os pavimentos, que contarán con formigón coloreado.

O proxecto conta cun orzamento de 207.792,92 euros, distribuídos entre o Concello (90.125,94 euros) e o POS+2023 (117.666,98 euros) da Deputación.

A Concellaría de Urbanismo vén de anunciar o inicio dos traballos do proxecto de renovación de servizos nas rúas Caramanchón, dos Mártires e San Xoán, todas elas situadas na área do Porto. A administración local, que comezou esta semana na rúa Caramanchón, intervirá nas tres áreas centrándose na mellora do saneamento de augas fecais e pluviais, a iluminación, a infraestrutura eléctrica e de telecomunicacións e, por último, na súa pavimentación completa, incorporando formigón coloreado.

A actuación supón un investimento para a vila que supera os 200.000 euros, con contribucións tanto da Deputación da Coruña (117.666,98 euros) no marco do seu POS+2023, coma do Concello de Ares (90.125,94 euros).

Esta renovación completará a mellora dos servizos na contorna do Porto e inscríbese dentro dunha estratexia urbanística máis ampla, dividida en fases, sobre a que afonda Olimpia Marcos, concelleira de Urbanismo: “Planificamos dende o inicio a humanización de todo o Porto, trazando unha mellora de servizos fundamentais para dignificar unha zona que ten un gran valor patrimonial. Nela están as raíces mariñeiras de Ares”.

Marcos tamén lembrou “os traballos que executamos durante a anterior lexislatura na rúa Cisne ou na Plazuela dos Reais Alfolíes, que tamén se enmarcan dentro da estratexia urbanística do Concello”, e resaltou que “seguiremos traballando para dar uniformidade e continuidade ó proceso de mellora de servizos xerais agora nas rúas Caramanchón, Mártires e San Xoán, correspondentes á terceira fase do Porto”.

Segundo a Concellaría de Urbanismo da localidade, é intención do goberno local culminar o resto das fases nos próximos anos, continuando coa rúa Dolores, Consistorio e Alfolí, así como a rúa San Andrés, que completaría o entramado de espazos humanizados na área do Porto.

Pódeche interesar

Notas de prensa

Galicia sabe a Mar en Ares

Veciñanza e visitantes puideron degustar ao longo da xornada de onte algúns dos sabores únicos que conforman o patrimonio gastronómico galego. A foodtrack da campaña