O Concello adxudica a renovación de servizos e pavimentos na rúa San Xosé

Comparte esta nota de prensa

A intervención, que conta cun investimento próximo ós 170.000 euros asumidos entre Concello e a Deputación, mellorará a rede de saneamento, pluviais e abastecemento, ademais de executar obras no alumeado, electricidade e telecomunicacións.

Olimpia Marcos, concelleira de Urbanismo, incluíu a actuación “dentro da liña de renovación e humanización municipal de moitas das rúas de Ares, como é o caso das rúas Fomento, Alfolíes, Cisne…”.

A rúa San Xosé inicia a conta atrás para ver renovados os seus servizos e pavimentos tras a recente da que vén de informar hoxe a Concellaría de Urbanismo, concluíndo o proceso administrativo previo ó comezo das obras.

Así, materializarase un proxecto que é a principal intervención urbanística que se realizará en Ares coma parte do Plan Unico da Deputación da Coruña, empregando 156.285 euros do ente provincial e 14.513 euros das arcas municipais, impostos incluídos. Xunto a el, tamén se inclúen no POS 2022 e no POS adicional os proxectos de renovación de infraestrutura de saneamento, abastecemento e pavimentación das rúas Fomento e dos Anxos, superando entre as 3 actuacións os 425.000 euros de investimento total entre fondos provinciais e municipais.

Con todo, os traballos de mellora na San Xosé implicarán unha transformación completa da rede de saneamento, pluviais e abastecemento de auga, mais tamén se levarán a cabo obras civís no alumeado, na electricidade e nas telecomunicacións. A maiores, cubrirase a rúa cunha capa de rodadura con aglomerado, eliminando as actuais irregularidades do firme e poñendo fin ao seu estado de deterioro; instalarase un pavimento de loseta hidráulica similar á actual e realizarase a sinalización horizontal en todo o ámbito de actuación.

Olimpia Marcos, concelleira de Urbanismo, puxo en relación esta mellora da rúa San Xosé coa “planificación que estamos a executar dende o Concello centrada na renovación e humanización das rúas do núcleo urbano de Ares. Falamos de intervencións que afectan á rúa Fomento, María, Alfolíes, Cisne… pero tamén a toda a contorna do Porto, que está somerxida nun amplo proceso de humanización”.  Segundo Marcos, a obra que se realizará en San Xosé responde a ese mesmo sentido de progreso na infraestrutura pública aresán.

Pódeche interesar

Notas de prensa

Campións Galegos de BTT XCM!

Ares viviu este domingo unha gran xornada de ciclismo coa celebración do I XCM Club Pulpeiros, proba do Campionato de Galicia de BTT XCM 2026.