A iniciativa municipal organizará unha saída ata o río Mandeo de 14 quilómetros, incluíndo unha camiñada por unha das zonas con máis variedade de vexetación da provincia, as Fragas do Mandeo
As persoas interesadas poderán inscribirse a partir das 10:00 horas deste xoves 23 de novembro, con 25 prazas habilitadas e un prezo de 20 euros.
A área de Deportes vén de anunciar a posta en marcha do proceso administrativo da próxima ruta do SendAres, o programa de sendeirismo do Concello. Así, este xoves 23 de novembro abrirase a inscrición telemática do cuarto percorrido ao longo da mañá (10:00 horas) e a través da páxina web institucional (www.concellodeares.gal).
Nesta ruta guiada, os sendeiristas camiñarán a través dunha das zonas con máis variedade de vexetación da provincia, as Fragas do Mandeo, percorrendo lugares como Chelo e a Fraga de A Espenuca.
Todo o itinerario desenvolverase durante axornada do domingo, 17 de decembro, cunha distancia de 14 quilómetros e unha dificultade media. O prezo será de 20 euros no que se inclúe servizo de guía, seguros e transporte. O autobús sairá as 08:30 horas e chegará ao núcleo da vila ás 16:30 h. no punto de encontro habitual: a Praza da Igrexa da localidade.
A Concellaría de Deportes asignou 25 prazas para a actividade, que se cubrirán por orde de inscrición ata as 10:00 horas do 4 de decembro ou, de darse o caso, ata o seu esgotamento.