A concelleira de Cultura, Alma Barrón, presentou o cartel do próximo gran evento sociocultural da localidade, o Ares Indiano, que se organizará durante o venres 18, sábado 19 e domingo 20 de agosto, nun evento xa consolidado na comarca coma referencia na celebración indiana.
Así, o municipio celebrará o Ares Indiano durante estes tres días, tanto na vila coma nas parroquias, cunha variada oferta para todos os públicos, mantendo a descentralización de actividades en áreas con interese indiano, coma ben pode ser o caso de Cervás ou de Redes. O evento profundizará nos vínculos da localidade coa emigración e na pegada dos indianos no municipio, tanto en termos patrimoniais (con edificios e arquitectura característica indiana en toda a contorna) coma culturais e sociais.
Neste sentido, Alma Barrón, salientou a simboloxía do cartel, que “incide noutra das grandes pegadas indianas como foi a arquitectura, coa construción ou rehabilitación de vivendas, todas perfectamente identificables dentro das tres parroquias do municipio”. Alma Barrón tamén aproveitou para “agradecer a todos os patrocinadores e colaboradores unha vez máis a súa implicación” na iniciativa.
Así mesmo, Barrón destacou que para conectar o municipio co tecido local, os locais lucirán decoración para a ocasión nas súas entradas e fachadas, e tamén promoverase un sorteo entre as persoas caracterizadas con vestimenta da época, aos que se premiará con vales para mercar no comercio de proximidade. Nesta edición, ademais, como novidade, na semana previa organizaranse distintos obradoiros, tanto infantís como de adultos, nos que os participantes poderán elaborar elementos decorativos de temática indiana, así como customizar os complementos da vestimenta que lucirán na fin de semana.
Durante a celebración, haberá espazo destacado para as actuacións musicais, bailes, relatorios, exposicións, animación na rúa, obradoiros infantís, roteiros a pé teatralizados, as rutas en barco, ou as que se levarán a cabo nun bus histórico por Ares, Cervás e Redes. En breve, darase a coñecer a programación con todas as actividades.