Licitados os traballos de mellora de servizos e pavimentos nun tramo da rúa Os Anxos

Comparte esta nota de prensa

A obra permitirá renovar a rede de saneamento, pluviais e de abastecemento, mais tamén levar a cabo obras civís no alumeado, electricidade e telecomunicacións.

A intervención traducirase nun investimento de aproximadamente 100.000 euros, asumidos entre o Concello e o POS+2022 da Deputación da Coruña.

A Concellaría de Urbanismo vén de informar da licitación das obras nun tramo da  rúa Os Anxos (desde o cruce da rúa San Xosé ata a altura da rúa Irmáns Bugallo), unha actuación que mellorará os servizos e os pavimentos e que se configura, ademais, como outra das importantes intervención urbanísticas que se realizarán en Ares dentro do Plan Único da Deputación da Coruña, cunha achega de 79.735,16 euros do ente provincial e 19.933,79 euros asumidos polas arcas municipais.

Segundo o proxecto técnico dos traballos de mellora que se veñen a licitar, as obras renovarán a rede de saneamento, pluviais e abastecemento de auga, levándose a cabo tamén obras civís no alumeado, na electricidade e nas telecomunicacións.

Ademais, cubrirase a rúa cunha capa de rodadura con algomerado, eliminando así as irregularidades do firme existente e poñendo fin ao seu estado de  deterioro, instalarase un pavimento de loseta hidráulica similar á actual e realizarase a sinalización horizontal en todo o ámbito de actuación.

No tocante á formulación de ofertas, a licitación xa se atopa dispoñible na Plataforma de Contratación do Sector Público coa posibilidade de presentalas ata o 31 de maio.

 Sobre os fondos que se executan a través do POS da Deputación, Olimpia Marcos, concelleira de Urbanismo, contextualizou a planificación municipal: “Todas as actuacións que incluímos no Plan Único enfócanse principalmente á mellora e renovación da infraestrutura de abastecemento e saneamento e, tamén, á execución de novas pavimentacións. Acontece así na rúa San Xosé, na rúa Fomento e na rúa dos Anxos, todas no POS 2022 e POS adicional deste ano”. Entre as tres actuacións, de feito, supéranse os 425.000 euros de investimento total sumando fondos provinciais e municipais.

Olimpia Marcos,  puxo en relación esta mellora das rúas San Xosé, rúa de Os Anxos e rúa Fomento coa “planificación que estamos a executar dende o Concello centrada na renovación e humanización das rúas do núcleo urbano de Ares. Falamos de intervencións que afectan á rúa Fomento, María, Alfolíes, Cisne… pero tamén a toda a contorna do Porto, que está somerxida nun amplo proceso de humanización e do que próximamente se iniciará a seguinte fase”.

 

Pódeche interesar