Licitado o proxecto de rehabilitación das Escolas do Lago

Comparte esta nota de prensa

A intervención reformará un edificio histórico dentro do casco urbano de Ares, inaugurado en 1955 baixo deseño do arquitecto Rodolfo Ucha e construído grazas ás achegas da Alianza Aresana de Instrucción.

As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 28 de novembro. O importe das obras será de 273.073,06 € con cargo ao Fondo de Cooperación para concellos do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).

A Concellaría de Urbanismo vén de informar da licitación dos traballos que rehabilitarán as Escolas do Lago, un ambicioso proxecto de reforma que mellorará notablemente a infraestrutura deste espazo fundamental na historia de Ares pola súa orixe indiana.

Inaugurado en 1955 cun deseño de Rodolfo Ucha, a rehabilitación proxecta manter o emprego actual do edificio coma lugar de apoio aos usos sociocomunitarios (reunións, charlas, obradoiros, etc.). Manterase a volumetría e a orixe arquitectónica da edificación, respectando a distribución da escola no pasado, cunha división en dúas salas para impartir as diferentes sesións educativas (unha destinada ós nenos e outra ás nenas) e un corpo de aseos que daba ao patio da parcela.

A intervención conta cun orzamento de 273.073,06 € asumido polo Fondo de Cooperación para Concellos do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), grazas a que Ares foi un dos 9 concellos de toda Galicia cuxos proxectos resultaron beneficarios deste instrumento que a Xunta pon á disposición das administración locais.

Segundo a información proporcionada polo Concello, acometaranse melloras na cuberta, a tabiquería interior, os falsos teitos, a fontanería, aseos, pavimentos, electricidade, pinturas, sistema de calefacción… En definitiva, a actuación traducirase nunha renovación integral, de igual maneira que xa se realizou anteriormente no segundo edificio que conforma a manzana das Escolas do Lago e que se atopa separado do primeiro, o situado ao este en dirección á rúa Real, pola praza central aberta ou patio.

O prazo de presentación de ofertas por parte das empresas interesadas estará aberto ata o 28 de novembro, con toda a documentación xa dispoñible na Plataforma de Contratación do Sector Público.

Pódeche interesar

Notas de prensa

Campións Galegos de BTT XCM!

Ares viviu este domingo unha gran xornada de ciclismo coa celebración do I XCM Club Pulpeiros, proba do Campionato de Galicia de BTT XCM 2026.