La Llave de Ares: un legado indiano que cumpre 75 anos

Comparte esta nota de prensa

A familia Fuentes leva dende mediados do século pasado nun negocio que primeiro foi ferraxería e, agora, estanco e boutique; un negocio que, ademais, aínda mantén o seu vínculo co fenómeno migratorio involucrándose na celebración que se vive nesta fin de semana.

No seu esforzo por mellorar a oferta no Ares Indiano, o local implementou un servizo de aluguer de traxes e complementos en base á súa colección de época.

José Ramón Fuentes, copropietario de La Llave Estanco e Complementos xunto con Zeltia López, debulla na mañá deste venres, 19 de agosto, inicio oficial do V Ares Indiano, a historia que hai detrás do local que rexenta: “En realidade, todo arranca en Cuba co meu bisavó Arturo Fuentes. En terras cubanas montou unha carbonería que lle permitiu chegar a Ares cos aforros suficientes coma para abrir unha ferraxería”.

A ferraxería que nomea José Ramón é, de feito, un espazo singular dentro do tecido urbano da localidade, un negocio que se estende dende o 1947, data oficial de apertura, ata a mesma actualidade.

Noutras palabras, o 2022 supón celebrar os seus 75 anos de vida, mais experimentando a súa propia evolución ao compás dos novos tempos, sobre todo a partir da xubilación de Ramón Fuentes, o pai de José: “Nese momento, tanto eu coma a miña parella deixamos os nosos traballos e decidimos que, despois de tantos anos de esforzo, o establecemento tiña que continuar activo”. É dicir, que perdurara o legado e o recordo de todo o que había detrás do negocio familiar.

Así comezou a conversión de ferraxería a estanco e, logo, tenda de roupa e complementos. Con todo, a que é a cuarta xeración de Fuentes continúa reivindicando o seu pasado vinculándose activamente co Ares Indiano.

“A miña sangue é indiana, é algo que constitúe á nosa familia. E por iso queremos ir mellorando dentro da celebración da festa”, en palabras de José Ramón, que agora vén de implementar o servizo de aluguer de traxes para aumentar a oferta de caracterización durante esta fin de semana, facendo que existan máis posibilidades na escolla de veciñanza e visitantes.

A tenda conta xa con sombreiros, tocados, traxes e ata unha instalación para fotografías tanto exterior coma interior que se pon en marcha grazas á selección estética de Zeltia López. E así, vaise configurando unha ambientación de época que se espalla a través dos obxectos, as fotografías, os mobles e as publicacións do século pasado. Todo un contexto en sintonía co ambiente que se vivirá en Ares dende hoxe, venres, ata o domingo.

Alma Barrón, concelleira de Cultura, trasladou o seu agradacemento pola involucración de La Llave no Ares Indiano, non só en termos de ambientación e decoración do negocio, senón tamén coa cesión do local no que se sitúa o stand municipal, na Avda. Saavedra Meneses número 16.

Finalmente, Barrón salientou a importancia “de reivindicar e lembrar as raíces que medraron alén do mar, como é o caso; unhas raíces que agroman na nosa celebración indiana”.

Pódeche interesar

Notas de prensa

Galicia sabe a Mar en Ares

Veciñanza e visitantes puideron degustar ao longo da xornada de onte algúns dos sabores únicos que conforman o patrimonio gastronómico galego. A foodtrack da campaña