‘Envellecendo en Ares’ presenta a súa programación para o novo curso 2026/2027

Comparte esta nota de prensa

Memoria, lectoescritura, smartphones e música serán as propostas desta nova edición, deseñada para promover un envellecemento activo e favorecer a participación e a socialización.

O prazo de inscrición permanecerá aberto do 8 ao 25 de setembro, en horario de 10:00 a 13:00 horas, no Departamento de Servizos Sociais de Ares.

O Concello de Ares prepara unha nova edición de ‘Envellecendo en Ares’, o programa municipal destinado ás persoas maiores de 60 anos empadroadas no municipio e que cada curso ofrece diferentes propostas orientadas a promover o benestar, a aprendizaxe e as relacións sociais.

A iniciativa, impulsada pola Concellaría de Igualdade e Benestar, regresará no curso 2026/2027 cunha programación composta por catro obradoiros, adaptados a diferentes intereses e necesidades das persoas participantes.

As actividades previstas son as seguintes:

  • Obradoiro de memoria: unha proposta centrada na estimulación cognitiva e no exercicio mental. En Ares haberá tres grupos os luns, con sesións de 12:00 a 13:00 h., de 16:30 a 18:00 h. e de 18:00 a 19:30 h., na Alianza Aresana. En Cervás, o grupo reunirase os martes de 16:30 a 18:00 h., na Ganadera de Cervás. Ademais, en Redes abrirase unha lista de persoas interesadas para valorar a creación dun grupo.
  • Obradoiro de lectoescritura: un espazo para traballar a lectura e a escritura como ferramentas para desenvolver e expresar ideas, pensamentos e emocións. A actividade terá lugar os martes, de 10:30 a 12:00 h., no Centro de Servizos Sociais.
  • Obradoiro de smartphones: unha actividade práctica para mellorar o manexo dos teléfonos móbiles e das aplicacións de uso habitual no día a día. Desenvolverase na Casa da Xuventude, distribuída en tres grupos: os luns de 10:15 a 11:45 h., os mércores de 10:15 a 11:45 h. e os mércores de 12:00 a 13:30 h.
  • ‘A música que nos move’: unha proposta para descubrir e gozar da música desde o canto e o baile, facendo das melodías, as lembranzas e as emocións o fío condutor das sesións. Haberá dous grupos os xoves, de 16:30 a 18:00 h. e de 18:00 a 19:30 h., no Anexo de Cultura.

Con estas actividades, o Concello busca ofrecer ás persoas maiores de Ares espazos de encontro e participación, ao tempo que se fomentan hábitos que contribúan a manter unha vida activa, potenciar as relacións sociais e continuar aprendendo en todas as etapas da vida.

Inscricións abertas do 8 ao 25 de setembro

As persoas interesadas en participar deberán realizar a súa anotación presencialmente no Departamento de Servizos Sociais de Ares, situado na Praza da Constitución.

O prazo permanecerá aberto do 8 ao 25 de setembro de 2026, en horario de 10:00 a 13:00 horas. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición e ata esgotar as dispoñibles.

Para obter máis información sobre o programa, pódese contactar co Departamento de Servizos Sociais no teléfono 981 448 354.

Pódeche interesar

Notas de prensa

Campións Galegos de BTT XCM!

Ares viviu este domingo unha gran xornada de ciclismo coa celebración do I XCM Club Pulpeiros, proba do Campionato de Galicia de BTT XCM 2026.