O certame convida á mocidade do municipio a atopar espazos, obxectos, festas e eventos representativos tanto da súa contorna coma da súa propia identidade.
A recepción das obras está aberta dende hoxe, 18 de outubro, ata o 4 de novembro ás 20:00 horas, remitindo as fotografías e o formulario de participación a concursofotografia@concellodeares.com
A Concellaría de Cultura vén de publicar as bases que rexen a VI Edición do Concurso de Fotografía Xuvenil municipal, unha iniciativa que desexa conectar directamente a ollada dos rapaces e rapazas da vila coa memoria colectiva aresá, motivándoos a fotografiar aqueles momentos, espazos ou obxectos que están ao seu arredor e constitúen as súas identidades.
Por iso, a xente nova de entre 8 a 18 anos empadroada en Ares ou que sexa alumnado do CPI As Mirandas poderá presentar as súas obras dende hoxe, 18 de outubro, ata o 4 de novembro ás 20:00 horas enviando un correo electrónico co asunto “VI Concurso de Fotografía Xuvenil Concello de Ares” a concursofotografia@concellodeares.com. A maiores das fotografías, terán que incluir os formularios de participación e de identificación xa cubertos, accesibles para descarga na páxina web municipal.
Cada participante pode presentar un máximo de dúas imaxes sen editar ou mellorar e totalmente orixinais (tomadas ao longo de 2022 e non publicadas con anterioridade). O xurado, designado pola Concellaría de Cultura, avaliará as fotografías en función do adecuado seguimento das bases, a súa orixinalidade e creatividade e, tamén, a representatividade do pobo de Ares.
Coma en anteriores edicións, establécense dúas categorías de participación, unha de 8 a 12 anos e outra de 13 a 18, seleccionándose 3 instantáneas por cada unha delas. En ambas haberá un primeiro premio de carácter tecnolóxico (IPad ou cámara de fotos) e un segundo e terceiro premios con lotes de libros. As fotografías gañadoras tamén pasarán a formar parte do calendario de 2023 do Concello que se reparte por toda a localidade, sempre debidamente identificadas coas súas autorías.
Toda a información sobre o concurso, as bases detalladas e os formularios de participación atópanse dispoñibles na nova páxina web municipal, www.concellodeares.gal. De igual maneira, está dispoñible o número de teléfono 981 448 057 para solventar as dúbidas.
FORMULARIO DE INSCRICIÓN en pdf